A Fundación Juana de Vega presenta o seu premio de intervención na paisaxe galega

Share

A Fundación Juana de Vega presentou o seu Premio de Intervencións na Paisaxe, que busca poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio. Na presentación, que tivo lugar esta mañá na sede de Oleiros, estiveron presentes a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; o presidente da Fundación, Enrique Sáez, e a directora da Escola Galega da Paisaxe, Isabel Aguirre.

A conselleira salientou o “compromiso da Xunta de Galicia coa nosa paisaxe”, un dos “nosos principais patrimonios”, co que temos “a obriga non só de coñecelo senón de protexelo e preservalo”. Beatriz Mato apelou á “sensibilización social” neste eido, no que “aínda queda percorrido por facer para que toda a sociedade galega estea concienciada”. Neste sentido, comentou que por primeira vez este ano, os rapaces de Secundaria e Bacherelato poden “escoller a asignatura Paisaxe e Sostibilidade”, no que definiu como unha “aposta importante para dar estes pasos desde a escola”. Tamén aludiu a conselleira á nova Lei do Solo, ” en vigor dende o 19 de marzo”, que ten entre os seus principais obxectivos a protección da paisaxe, buscando “fomentar a recuperación do xa construído fronte a novas estruturas e reforzar a obrigación de rematar exteriormente as construcións”.

Por último, Beatriz Mato falou da importancia que terá dispoñer da Atlas da Paisaxe de Galicia, que inclúe “un catálogo que identifica 258 tipos de paisaxes”, e que “se atopa en fase de alegacións e estará rematado para o mes de xuño”.

Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, lembrou os comezos do premio, no ano 2004: “Daquela había moitas construcións que se facían sen demasiado criterio e decidimos destacar o que se facía ben –comentou–; aquela primeira pegada foi tamén o que nos fixo mirar para a paisaxe e, no 2008, creouse a Escola Galega da Paisaxe, que hoxe é a envexa de moitos fóra de Galicia, cun máster que é unha referencia en España”.

Pola súa banda, Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe resaltou a importancia da paisaxe como un “recurso socioeconómico de enorme potencial” e explicou as bases do premio da Fundación Juana de Vega, que pretende facer un especial fincapé “na sostibilidade e na economía dos materiais”.

Bases

O Premio Juana de Vega de intervencións na paisaxe busca poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio, como recoñecemento a aquelas intervencións no patrimonio natural e construído que contribúan a mellorar a calidade dos elementos que configuran a paisaxe de Galicia e sirvan de referencia social para futuras intervencións. O premio convocarase anualmente durante o primeiro cuadrimestre do ano, dedicando cada anualidade a unha das tres categorías de premio establecidas: intervencións en espazos exteriores, intervencións privadas no patrimonio construído e na súa contorna e vivendas unifamiliares, tanto de nova planta como de rehabilitación. Este ano 2016 o premio convocarase para a categoría de intervencións en espazos exteriores.

O xurado valorará a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe, a incorporación de criterios de sostibilidade, a economía no uso dos materiais, a posta en valor dos elementos construídos. No caso das vivendas, a capacidade da obra de converterse nunha referencia social que poida influír favorablemente nos tipos de vivenda que se constrúen en Galicia.

Dotación económica

As tres categorías terán unha dotación económica de 6.000 euros cada unha e un diploma acreditativo. Tamén poderán concederse dous accésits, dotados cada un deles cun diploma e unha cantidade económica de 1.500 euros. Os promotores recibirán unha placa acreditativa e os traballos premiados serán difundidos a través da web da Fundación, redes sociais, prensa xeral e medios especializados.

Para esta edición do premio, o prazo rematará o 30 de xuño e poderán concorrer aquelas intervencións en espazos exteriores que se rematasen dentro dos cinco anos anteriores á convocatoria. As candidaturas poderán ser presentadas desde hoxe polos autores das mesmas, os promotores, ou calquera persoa ou entidade que teña coñecemento de intervencións en espazos exteriores que consideren que son merecedoras do galardón.+

Composición do xurado

O xurado estará formado para esta edición por persoas de diferentes ámbitos profesionais relacionados coas intervencións na paisaxe e o territorio, coa estética ou a arte e a cultura. Tamén formarán parte do xurado, un membro do padroado da Fundación Juana de Vega e a directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega.

O fallo do xurado farase público a través da páxina web da Fundación Juana de Vega e noutros medios. Igualmente, os autores premiados recibirán unha comunicación por escrito na que se lles dará conta da resolución do Xurado. A entrega do premio realizarase nun acto público na sede da Fundación Juana de Vega, no último cuadrimestre.

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, salientou o compromiso da Xunta de Galicia coa paisaxe e apelou á “sensibilización social” para coidar dun “dos nosos principais patrimonios”

Enrique Sáez louvou o labor da Escola Galega da Paisaxe, “a envexa de moitos fóra de Galicia”, e Isabel Aguirre resaltou a importancia da paisaxe como un “recurso socioeconómico de enorme potencial”

Haberá tres categorías: intervencións en espazos exteriores, intervencións privadas no patrimonio construído e na súa contorna e vivendas unifamiliares