Sober, 6 de setembro de 2019. A Fundación Juana de Vega presentou hoxe as conclusións do workshop de paisaxe, “Tralas pegadas do Camiño de Inverno nas paisaxes da Ribeira Sacra”, que se desenvolveu durante toda esta semana. Posteriormente, tivo lugar a clausura do seminario da man de Isaías Calvo, director de Administración e Relacións Amigos do Camiño, e Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, na Casa Grande de Rosende (Sober).
Esta iniciativa, que forma parte do programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia, tivo lugar dende o 2 ata o 6 de co obxectivo de analizar as paisaxes e os patrimonios da Ribeira Sacra da man de expertos de setembro recoñecido prestixio
Este primeiro seminario centrouse no tramo que vai desde Quiroga a Monforte de Lemos. Sempre tendo presente a importancia da Ribeira Sacra, tanto a nivel paisaxístico, cultural ou natural e entendendo que o Camiño de Inverno é a entrada natural a Galicia desde a meseta seguindo o leito do río Sil, un acceso xa utilizado polos peregrinos como alternativa ao Camiño Francés.
Os dous primeiros días contouse coa presenza de relatores como Eladio Fernández Galiano, que presentou os itinerarios culturais e o valor europeo do Camiño de Santiago; Mónica Luengo Anón, que fixo fincapé na xestión das paisaxes culturais do patrimonio mundial e os seus procesos de cambio. Pola súa parte, Isabel Aguirre presentou os valores naturais e culturais da paisaxe da Ribeira Sacra; Ana Goy compartiu o expediente de candidatura a Patrimonio Mundial da Ribeira Sacra e Aida Menéndez explicou o longo proceso de recoñecemento e valorización do Camiño de Inverno, desde as orixes á actualidade. Ademais, Mario Crecente, coordinador do workshop, presentou os procesos de xestión dos camiños desde a súa delimitación, intervención e promoción; e Manuel Vilar compartiu os específicos valores etnográficos do territorio e os retos aos que se enfronta.
Durante os dous primeiros días o formato do workshop foi unha combinación de intervencións dos expertos e visitas de campo a diversos puntos do trazado actual, Montefurado e Monforte, así coma aos seus posibles variantes ou alternativas en Vilachá, ademais de encontros coa poboación e os axentes locais. Os dous días seguintes os talleres propiamente ditos, foron complementados con presentacións concretas relacionadas co coñecemento do territorio e os seus valores: vías romanas por Javier Vila ou Patrimonio Marítimo da man de Xosé Antón Fernández, así como a xestión patrimonial dos Camiños por Manuel Chaín ou o papel do Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra por Alexandra Seara.
Durante todo a semana os 30 expertos participantes reflexionaron cun enfoque multidisciplinar, sobre a delimitación do Camiño e o seu territorio histórico, imaxinando a valorización e rehabilitación do patrimonio cultural relixioso e civil existente, pensando na mellora de servizos para o peregrino, servindo de potenciador para os produtos locais, e estudando os ámbitos do percorrido para propoñer criterios de protección e desenvolvemento así como actuacións concretas de mellora.
As propostas dos catro grupos de traballo formados para o debate centráronse no seguinte:
O primeiro grupo analizou o núcleo de Montefurado (Quiroga), como punto de descanso no Camiño comprendendo a súa orixe relacionada coa minería romana e a explotación do leito do Sil. As intervencións céntranse na recuperación do apeadeiro como centro de información e acollida dos peregrinos, mellora da contorna da igrexa de San Miguel coa incorporación de vexetación e a apertura dunha valla que permite contemplar o seu interior, a recuperación da arquitectura tradicional e os esgrafiados e a creación dun miradoiro desde a aldea á mina.
O traballo do segundo grupo centrouse no Camiño Comestible, propoñendo unha intervención para o espertar dos sentidos ao redor dos recursos biolóxicos no camiño (froiteiras, cerdeiras, madroños, vides, oliveiras, etc) coa creación de puntos de descanso e encontro cos veciños en fitos desta etapa, así como a mellora da contorna da Ermida dos Remedios.
Pola súa parte, o terceiro grupo afondou en Liñas e trazas, investigando outras alternativas históricas que contribúan a enriquecer a reflexión para unha futura delimitación do Camiño de Inverno, baseadas no Mapa de Camiños de Domingo Fontán, as Vías Romanas e o paso polo Mosteiro de San Clodio.
Por último, o grupo Rairos, centrouse no tramo desde Castroncelos ata Rairos poñendo en valor os recursos naturais e culturais con novas estratexias de comunicación e promoción coa implicación doa poboación: premio ao mellor núcleo rural que manteña o Camiño de Inverno, menús do peregrino coa gastronomía da zona, creación de apps de divulgación cultural e conexión coa poboación local.