A Escola Universitaria de Traballo Social de Santiago acolle a exposición sobre Juana de Vega

Share

A charla de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, inaugurou esta mañá a exposición sobre Juana de Vega na Escola Universitaria de Traballo Social, adscrita á Universidade de Santiago de Compostela. Alí foi recibido pola directora da Escola, Teresa Facal, e varios dos profesores do centro.

Durante o encontro co alumnado, Sáez Ponte contextualizou a traxectoria de Juana de Vega no seu contexto histórico, o liberalismo do século XIX, e fixo un repaso sobre os principais momentos da súa historia para acabar presentado a Fundación Juana de Vega, que a filántropa mandou constituír no seu testamento vital como unha escola teórico-práctica de agricultura na súa casa de verán en San Pedro de Nós (Oleiros). Máis de 152 anos despois do seu falecemento, a entidade foi evolucionando para adaptarse á realidade social e económica e, hoxe en día, continúa activa promovendo o coñecemento, a conservación e o desenvolvemento do medio rural de Galicia a través de catro áreas de actuación. Estas son Desenvolvemento Rural, Investigación e Innovación, a Escola Galega da Paisaxe e a Cátedra Juana de Vega, dentro a que se enmarca esta exposición.

A exposición sobre Juana de Vega pode visitarse na Escola Universitaria de Traballo Social ata o xoves, 2 de maio, situada no 2º piso do Mosteiro de San Martiño Pinario (Praza da Inmaculada, Santiago de Compostela). O horario é de luns a xoves, de 9:00 a 13:30 e os venres, de 9:00 - 14:00h.