A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega coordina as actuacións de conservación da Carballeira de San Fins, na Laracha

Share

A Escola Galega da Paisaxe, da Fundación Juana de Vega, coordina os traballos de posta en valor da Carballeira de San Fins , na Laracha, que xa están a executar os alumnos do Obradorio de Emprego municipal. Previamente, encargámonos da redacción do proxecto de recuperación e xestión desta contorna natural de titularidade municipal.

O Proxecto de xestión e posta en valor da Carballeira de San Fins (parroquia de Montemaior ) está promovido polo Concello da Laracha para garantir a conservación deste espazo de 2,2 hectáreas —22.000 metros cadrados, o equivalente a catro campos de fútbol- e divulgar os seus valores ambientais e culturais. O plan está enfocado a compatibilizar a preservación da biodiversidade cunha función pedagóxica e educativa para fomentar o coñecemento e interpretación da flora e a fauna autóctonas.

Bosque autóctono frondoso
Entre as máis de 1.300 árbores existentes, a maioría carballos, castiñeiros, loureiros, bidueiros e acivros, hai vinte exemplares que superan os cen anos e mesmo se catalogou un carballo de 214 anos. Nas zonas máis húmidas aparecen especies características de ribeira como abeleiras ou sabugueiros e, baixo as copas das grandes árbores, destaca un sotobosque con diversas colonias de fentos, froitos do bosque con interese para a fauna como os arandos ou os ruscos, e tamén numerosas trepadoras como a hedra ou a rubia peregrina, moi atractivas para os polinizadores.

Este ecosistema biodiverso e multifuncional prové de múltiples servizos ecosistémicos, tales como a fixación e almacenaxe de carbono, a retención de humidade no chan ou a regulación da temperatura, tan relevantes para a mitigación do cambio climático.

Actuacións
Dentro das actuacións de conservación, mantemento e manexo da vexetación deseñadas pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, están a limpeza e roza selectiva dos itinerarios habilitados, a sinalización dos exemplares singulares e outros elementos de interese natural ou etnográfico, a xestión da madeira morta para fomentar os “hoteis de insectos” como nichos de biodiversidade, e a erradicación de vexetación exótica invasora.

Como medidas de conservación da fauna, tanto os trazados dos roteiros para visitantes como a programación dos traballos axustouse coidadosamente para evitar as zonas máis sensibles e as épocas de cría, minimizando así as afeccións.

Desta maneira, esas zonas de tránsito respectan a diversidade biolóxica, acoutando ao máximo os novos usos aos espazos habilitados, e contemplan o establecemento de puntos de interese para a observación de fauna e flora singular que contarán con mobiliario elaborado en materiais presentes na contorna, principalmente madeira.

Formación previa
Antes do inicio dos traballos, o alumnado do Obradoiro de Emprego participou nunha masterclass de xestión do arboledo con Fran Rodríguez Trindade, biólogo experto en arboricurtura  de Artec  - Técnica Arborea Galega.