Xornadas de eco - deseño para paisaxes resilientes

18, 25 e 26 de novembro de 2022

Introdución

No contexto actual de crise climática, gran desafío ao que se enfrontará o ser humano durante as próximas décadas, a necesidade de adaptación da planificación e deseño das nosas cidades e espazos públicos cara a modelos máis sostibles e racionais revélase como un dos principais retos.

Esta preocupación xa foi recollida pola UE na Estratexia Europea en materia de Infraestrutura Verde, recoñecéndoa como unha ferramenta de eficacia probada para solucionar as problemáticas de perda de biodiversidade e conectividade ecolóxica nos ecosistemas, derivadas dos sucesivos procesos de urbanización e construción de infraestruturas grises. Porén, as intervencións nos espazos públicos, tanto a nivel de deseño como de xestión posterior dos mesmos, están aínda suxeitas a unha serie de derivas e prácticas contrarias aos procesos e solucións baseadas na natureza (NBS) que se pretenden impulsar dende Europa.

Debemos promover o deseño das nosas paisaxes cotiás, de proximidade, como proxectos innovadores, comprometidos có medio e coa sociedade, nos que se incorporen procesos naturais e se desenvolvan boas prácticas que contribúan para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Paisaxes perdurables a través dunha xestión comprometida por parte das administracións, pero tamén da sociedade e as empresas.

A Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega desenvolve estas xornadas formativas enfocadas ao eco-deseño de espazos públicos, co apoio da Deputación de A Coruña, levando os criterios da infraestrutura verde á escala de detalle co obxectivo de acadar que as nosas paisaxes sexan máis resilientes fronte á crise climática, mellorando os servizos ecosistémicos que prestan, especialmente en contornas urbanas.

Obxectivos

  1. Actualizar a formación en eco-deseño de técnicos municipais e profesionais independentes con competencia para intervir en espazos públicos.
  2. Divulgar a infraestrutura verde e as solucións baseadas na natureza como alternativa sostible para acadar paisaxes resilientes.
  3. Mellorar o coñecemento sobre os requirimentos da paisaxe a través da divulgación de casos prácticos de referencia da man dos propios autores.
  4. Reflexionar sobre o futuro da xestión dos espazos públicos e como enfocala cara a modelos máis eficientes.
  5. Avaliar os servizos ecosistémicos existentes e potenciais dun espazo público para incorporar esta información como parte esencial do proceso de deseño.
  6. Facilitar o intercambio de opinións e o debate en grupo, enfrontándose a un obradoiro práctico que permita aos asistentes testar os coñecementos adquiridos.

Axenda

Día 1. Venres, 18 de novembro

09.30 – Recepción de participantes e introdución ás xornadas.
Pedro Calaza (Director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega).

10.00 – A infraestrutura verde e as solucións baseadas na natureza cara a resiliencia da paisaxe.
Pedro Calaza (Dr. Enxeñeiro agrónomo e Dr. Arquitecto paisaxista) e Mercedes Máquez (Arquitecta, Mestrado en Xardinería e paisaxe)

12.00 – Pausa café

12.30 – Aprendendo a mirar: a estética do silvestre no deseño e xestión de espazos públicos.
Nuria Freire (Arquitecta, Mestrado en arquitectura da paisaxe)

13.30 – Pausa xantar

15:30 – Xardín botánico Atlántico de Gijón.
Ricardo Librero (Arquitecto paisaxista).

16:30 – Escenarios singulares: da escala micro á escala macro.
Pedro Calaza (Dr Enxeñeiro agrónomo e Dr Arquitecto paisaxista).

17:30 – Aplicacións de bioenxeñería no deseño do espazo público.
Paola Sangalli (Bióloga, Mestrado en xardinería e paisaxe)

Día 2. Venres, 25 de novembro

9:30 – A biodiversidade e a conectividade ecolóxica nos espazos públicos.
Grupo Naturalista Hábitat

10:30 – Criterios de deseño, materiais e técnicas construtivas para espazos públicos resilientes.
Camilo Blanco Pampín (Arquitecto, Mestrado en Arquitectura da Paisaxe)

11:30 Pausa café

12:00 – Avaliación de servizos ecosistémicos aplicada ao deseño de espazos públicos.
Juan Carlos Verona Calvo (Biólogo, Director INDDECO)

14.00 – Pausa xantar

15.30 – O territorio como arquitectura.
María Fandiño (Arquitecta e Paisaxista).

16.30 – Experiencias na cidade de Barcelona
Maita Fernández Armesto (Arquitecta. Concello de Barcelona )

17:30 – Experiencias en Zaragoza
Fran Bergua (Xefe departamento de Ecoloxía Urbana e economía circular do Concello de Zaragoza, presidente da AEPJP)

Día 3. Sábado, 26 de novembro

9:30 – Paisaxes resilientes.
Gabino Carballo (Paisaxista e Técnico superior do verde e xestión, no Instituto Municipal de Parques e Xardíns de Barcelona)

10:30 – Introdución ao obradoiro e organización dos grupos de traballo.
Mercedes Máquez

11.00 – Visita ao lugar de intervención

14.00 – Pausa xantar

15.30 – Obradoiro.
Traballo en grupos. Avaliación dos servizos ecosistémicos aplicada ao caso de estudo: Gabino Carballo

19:30 – Presentación das conclusións.

20:30 – Peche das xornadas.

A quén está dirixido

As xornadas están enfocadas a profesionais que desenvolvan a súa actividade no eido do deseño, execución e xestión de espazos públicos, técnicos municipais e estudantes.

Matrícula

Número de prazas: 25

Matrícula: 20€, estudantes de balde.

Se non podes asistir presencialmente, tes a opción de seguir as sesións dos días 18 e 25 vía streaming. Lembra que o día 26 temos obradoiro de campo.

DESCARGAS