Esta mañá deu comenzo na sede da Fundación Juana de Vega a formación especializada para o agro en agricultura orgánica impartida por Jairo Restrepo, un dos maiores expertos a nivel mundial neste método de cultivo. A actividade, de tres días de duración, esta coorganizada pola entidade e o proxecto agroecolóxico Os Biosbardos, onde se impartirá a parte práctica.
A Fundación Juana de Vega, no marco da súa aposta pola formación en produción agrogandeira sostible e a sensibilización arredor de todos os temas de actualidade que sexan de interese para o sector en Galicia, continúa así a liña temática iniciada coas I Xornadas Científico-Técnicas sobre Xestión Rexenerativa en febreiro pasado.
O interese xerado polo curso "O ABC da agricultura orgánica" fixo que as trinta prazas ofertadas se cubrisen hai semanas e, incluso, se xerase lista de espera con chamadas de toda Galicia. A maioría dos anotados son profesionais en activo vinculados á cadea de valor do agro, tanto á produción como á comercialización ou á loxística.
Riqueza a 1,5 metros
"O ceo tamén está debaixo dos nosos pés", reflexionaba Restrepo durante a benvida á trintena de asistentes no salón de actos da Fundación Juana de Vega. "Somos uns ignorantes totais sobre o solo. A 1,5 metros de profundidade, a riqueza desa biomasa é capaz de superar todo o que está sobre as nosas cabezas”, continuaba o fundador do proxecto educativo https://lamierdadevaca.com.
Serán tres xornadas eminentemente prácticas e de intercambio de experiencias para dar a coñecer modelos alternativos de produción de alimentos baseados en aumentar a fertilidade dun recurso básico para ter unha terra viva e produtiva. Restrepo ensinaralles a elaborar biofórmulas, activar os microorganismos ou facer caldos minerais para o control de enfermidades e eliminar a dependencia dos insumos externos. O obxectivo é que os agricultores poidan ter o control das súas explotacións e posúan ferramentas, e coñecementos, que lles permitan aproveitar o potencial dos recursos naturais da súa contorna. "A agricultura orgánica é unha nova forma de enfocar a vida e volver ás orixes", resumía o docente.
O docente
Jairo Restrepo Rivera é enxeñeiro agrónomo, promotor, consultor e formador en agricultura orgánica. Suma máis de 35 anos de experiencia que materializou no proxecto “La mierda de vaca”, así como en cursos presenciais impartidos en máis de trinta países.
Nado en Colombia e naturalizado no Brasil, Restrepo contribuíu en todos os procesos de evolución da agricultura orgánica a nivel mundial; tanto mediante o desenvolvemento de técnicas de fertilización e nutrición orgánica como de recuperación e conservación de solos, diagnóstico e planificación de procesos de transición cara a técnicas de cultivo máis respectuosas co medio.
Agricultura orgánica vs convencional
A agricultura orgánica é un método de cultivo que se enfoca en producir alimentos de alta calidade mentres preserva o equilibrio ecolóxico e a fertilidade do solo. Evita o uso de pesticidas sintéticos, fertilizantes químicos, organismos xeneticamente modificados ou hormonas de crecemento.
No corazón deste sistema de cultivo está a comprensión de que a alma do solo é a materia orgánica composta por restos de plantas, animais e microorganismos en descomposición. Estes insumos xeran un humus que axuda a manter a estrutura do solo, retén a humidade e proporciona nutrientes ás plantas de maneira sostible. Entre as prácticas fundamentais que forman a base da agricultura orgánica están a rotación de cultivos, a compostaxe, o control biolóxico de pragas, o uso de cubertas vexetais ou o manexo integrado.
