Unha investigación promovida pola Fundación Juana de Vega recupera o Branco Lexítimo e o Agudelo da zona Betanzos, que poderán comercializarse con estas denominacións

Share

Oleiros, 5 de abril de 2011.– A Fundación Juana de Vega, ven de culminar un longo, ambicioso e complicado proxecto que terá como beneficiados ao sector vitivinícola da zona de Betanzos e ao viño galego en xeral. A investigación promovida e financiada por esta entidade iniciouse no ano 2007, co fin de recuperar as castes Branco Lexítimo e Agudelo, e estudar o seu potencial para a produción de viños brancos de calidade.

Esta investigación, na que participaron a Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), organismo este último que depende do INGACAL, xunto coa Asociación de Viticultores e Adegueiros de Betanzos e Comarca, tivo como resultado a inclusión das variedades Branxo Lexítimo e Agudelo no Rexistro de Variedades Comerciais. Deste xeito permitirase a súa comercialización, o cal ata agora era imposible ao non figuraren no rexistro da Oficina Española de Variedades Vexetais. O obxectivo acadado contribuirá ao incremento das rendas dos viticultores da zona e a un maior desenvolvemento das áreas rurais da Comarca das Mariñas e Betanzos, incluídas na denominación de Viños da Terra de Betanzos. Ademais, é un paso máis na recuperación da riqueza biolóxica de Galicia, que ve recoñecidos uns produtos que, sen esta investigación, non poderían saír da esfera doméstica , indica José Manuel Andrade, Director da Fundación Juana de Vega.

Os resultados deste estudo serán plasmados nun libro, que se distribuirá de xeito gratuíto a viticultores de Betanzos e a súa comarca. Todos os datos da investigación estarán a disposición dos produtores para que poidan proceder ao proceso de recoñecemento e legalización destas variedades e para que poidan ampliar o seu cultivo coñecendo os rendimentos que dan según as zonas elexidas e os sistemas agrícolas que se empreguen.

A orde pola que se dispón a inscrición definitiva no rexistro de variedades comerciais destas dúas castes saíu publicada no BOE con data de 24 de marzo de 2011.

O traballo, liderado polos investigadores Carmen Martínez (CSIC) e Ignacio Orriols (EVEGA), iniciouse co marcado, por parte do grupo do CSIC, dun total de 346 cepas das castes indicadas en distintos viñedos situados en Betanzos, Bergondo e Paderne, que foron sometidas posteriormente a un completo estudo ampelográfico e análise de ADN, co obxetivo en primeiro lugar, de verificar a autencidade varietal. Durante os catro anos da investigación, as cepas que non foron descartadas foron sometidas a un seguimento ao longo do período vexetativo, ata a súa vendima e posterior vinificación, e estudadas dende o punto de vista agronómico e enolóxico. Co obxectivo de poder interpretar con precisión os resultados obtidos, os investigadores contaron con estacións agroclimáticas sobre o terreno.

Os estudos amosaron que a caste Branco Lexítimo, cultivada en Betanzos, é a mesma que o Raposo da Barbanza, o Branco Pais de Negueira de Muñiz e o Albarín Blanco e Blanco Verdín de Asturias, trátase dunha uva autóctona do noroeste peninsular, moi minoritaria pero ben adaptada ás condicións climáticas destas zonas. Que se sepa, non existe en ningún outro lugar do mundo. Pola súa banda, o Agudelo resultou ser unha variedade moi estendida en Francia, o Chenin Blanc, que en España se cultiva a pequena escala nalgunhas denominacións de Orixe de Cataluña. Non obstante, a pesar de ser castes cultivadas tradicionalmente en Betanzos como Branco Lexítimo e Agudelo, estes nomes non estaban recoñecidos na Lista de Variedades de Vid Comerciales, polo que legalmente non podían ser plantadas as cepas, nin etiquetados os viños baixo estes nomes.

Os investigadores do CSIC destacaron do Branco Lexítimo o seu ciclo vexetativo curto, que madura antes que o resto das castes, e que cando alcanza a plena madurez, adquire un moi característico sabor a mel. Do Agudelo, subliñaron a súa maior productividade, pero tamén que é mais tardío e moito menos aromático. Os datos climáticos recollidos no estudo confirman que non todas as zonas de Betanzos son axeitadas para a obtención de viños de calidade, e que deben ser coidadosamente elixidas.

En canto aos estudos enolóxicos, os resultados obtidos co Branco Lexítimo amosan para esta caste un gran potencial aromático e un elevado grao alcohólico (en xeral superior aos 12 graos). Ademais, o feito de que non sexa unha caste excesivamente ácida, faina interesante dende o punto de vista organoléptico. O Branco Lexítimo é apreciado por viticultores e expertos polos bos resultados que proporciona só ou en combinación con outras uvas galegas.

Os viños obtidos de Agudelo presentaron desequilibrio. O grao alcohólico foi moderado (inferior aos 12 graos) mentres que a acidez foi alta. Isto é debido a que a citada caste non acadou niveis de maduración óptimos nas parcelas estudiadas, sendo necesario implantar técnicas de cultivo nos viñedos que permitan mellorar as maduracións, incluíndo a elección dunha zona de climatoloxía máis favorable. Respecto aos compostos aromáticos, a caste Agudelo é neutra, con baixos contidos en compostos aromáticos varietais.

Fuente: Fundación Juana de Vega

Estas castes de cultivo ancestral non estaban rexistradas na Oficina Española de Variedades Vexetais, pero grazas ao traballo dun equipo do CSIC e a EVEGA, impulsado e financiado pola Fundación Juana de Vega, recoñecense agora estes viños e permitese o seu etiquetado