Últimos días para presentarse ao Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2026 na categoría “Patrimonio construído e a súa contorna”

Share

O prazo para presentar candidaturas ao Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2026, na categoría “Patrimonio construído e a súa contorna”, finaliza o próximo venres, 3 de xullo. A convocatoria busca recoñecer proxectos de recuperación e posta en valor do patrimonio construído e a súa contorna paisaxística.

As candidaturas deberán presentarse por correo postal ou de forma presencial na sede da Fundación Juana de Vega, en San Pedro de Nós, Oleiros (A Coruña), en horario de 9:00 a 14:00h.

O galardón está dirixido a intervencións privadas realizadas en Galicia e finalizadas entre os anos 2023 e 2025 que contribúan á conservación do patrimonio, á mellora da paisaxe e á integración respectuosa das actuacións no territorio. O premio conta cunha dotación económica de 6.000€ e poderán concederse ata dous accésits de 1.500€ cada un.

As persoas autoras e promotoras dos proxectos poden concorrer a esta convocatoria. Na avaliación, o xurado terá en conta cuestións como a calidade da intervención, a súa capacidade para mellorar a paisaxe e poñer en valor o patrimonio construído, así como a incorporación de criterios de sostibilidade, o uso racional dos materiais, as estratexias de proximidade e economía circular, e a adecuación da actuación aos usos previstos. Tamén se valorará a capacidade dos proxectos para converterse en referentes sociais e exemplos de boas prácticas na relación entre arquitectura, patrimonio e paisaxe. O fallo do xurado darase a coñecer no último cuadrimestre do ano.

As bases da convocatoria poden consultarse aquí.

Máis de vinte anos recoñecendo o valor da paisaxe

Convocado por primeira vez en 2004, o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe naceu co propósito de destacar actuacións exemplares que contribúan á protección, mellora e valorización da paisaxe galega. Cada unha das tres categorías actuais: “Intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna”, “Edificacións e instalacións produtivas no medio rural” e “Intervencións en espazos exteriores”, convócanse cada tres anos de forma rotatoria.

A categoría “Intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna” convócase este ano por cuarta vez. En 2023, o premio recaeu en Acouga Hotel Boutique (Celanova, Ourense), obra de MOL Arquitectura, mentres que o accésit foi para a rehabilitación da Adega Pedro Leivas (Riotorto, Lugo), de Manuel Eduardo López Vázquez e Belinda Yepes Jiménez (Kenda Urbanismo y Territorio). Na edición de 2020, foi recoñecida a recuperación do núcleo rural da Míllara e os seus viñedos (Pantón, Lugo), promovida por Viñedos do Miño e os propietarios das distintas vivendas; os accésits corresponderon á posta en valor dos recursos paisaxísticos e arqueolóxicos do Castro de Doade e a súa contorna (Lalín, Pontevedra), impulsada pola Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón, e á rehabilitación da pensión para peregrinos Abeiro da Loba (Madelos, Sobrado dos Monxes, A Coruña), obra de Estévez e González Arquitectos. En 2017, o premio foi para a caracterización e posta en valor do Castro de Arxeriz (O Saviñao, Lugo), promovida pola Fundación Xosé Soto de Fión, e o accésit para a rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Santa María de Olives (A Estrada, Pontevedra), realizada por RVR Arquitectos.

RELACIONADOS