
SABERES DO MONTE é unha iniciativa orientada a impulsar a bioeconomía en zonas de montaña de Galicia, mediante a mellora e consolidación da infraestrutura verde e a xestión sostible do territorio. O proxecto actúa en catro áreas de alto valor natural como Ancares-O Courel, Negueira de Muñiz e Serra do Xistral (Lugo), e Serra da Groba (Pontevedra), abranguendo máis de 20.000 hectáreas, gran parte integradas na Rede Natura 2000.
Estes territorios están afectados polo despoboamento, o envellecemento, o abandono de prácticas tradicionais e a perda de biodiversidade. Neste contexto, SABERES DO MONTE impulsará unha transformación sistémica das zonas de montaña galegas, baseada na mellora e consolidación da infraestrutura verde e na conservación de hábitats de interese comunitario vinculados a prácticas tradicionais como a gandería extensiva, a apicultura e o ecoturismo.
A través deste modelo, promóvese unha xestión activa do territorio que contribúe á mellora da biodiversidade, a conectividade ecolóxica, a resiliencia fronte ao cambio climático, e a prevención de incendios forestais e da desertización, á vez que se xeran oportunidades no medio rural.
Esta iniciativa sitúa no centro a gobernanza comunitaria con perspectiva de xénero, reforzando o papel das comunidades de montes e outros axentes locais mediante acordos de custodia do territorio, o que permite consolidar un modelo de desenvolvemento resiliente e xusto.
Así mesmo, o proxecto impulsa a marca colectiva “Saberes do Monte” como ferramenta de valorización de produtos e servizos sostibles, que achega valor engadido no mercado e facilita o acceso a canles curtas para pequenos produtores.
En conxunto, SABERES DO MONTE contribúe a fixar poboación, dinamizar a economía local e afrontar o reto demográfico desde unha perspectiva sostible e innovadora, co foco posto na recuperación e conservación de hábitats de alto valor ecolóxico.
Esta iniciativa é unha continuación dos proxectos CAPRIF-CC e RURALtXA!, nos que participou a Fundación Juana de Vega. CAPRIF-CC tivo a finalidade de promover unha xestión forestal sostible en áreas de alto valor natural afectadas polos incendios en Galicia e Asturias desde a óptica da economía verde, baseándose en procesos participativos. Pola súa banda, RURALtXA! centrouse no impulso da bioeconomía rural revalorizando a gandería extensiva de montaña vinculada á conservación da biodiversidade.
Quen somos?
O consorcio do proxecto está integrado por 4 entidades con ampla experiencia en proxectos de desenvolvemento rural en Galicia:
- Fundación Juana de Vega (líder)
- Universidade de Santiago de Compostela - USC
- Universidade da Coruña - UDC
- Asociación Galega de Custodia do Territorio - AGCT

Como imos acadar os nosos obxectivos?
O proxecto SABERES DO MONTE articúlase a través dun conxunto integrado de accións que combinan restauración ecolóxica, planificación territorial, gobernanza colaborativa e xeración de coñecemento aplicado.
- En primeiro lugar, levarase a cabo a caracterización de hábitats de interese comunitario e das actividades tradicionais asociadas, xunto coa cuantificación dos servizos ecosistémicos que proporcionan.
- Paralelamente, impulsarase unha gobernanza territorial colaborativa a través da custodia do territorio con participación activa de comunidades locais e con enfoque de xénero.
- O proxecto tamén contempla actuacións directas de restauración ecolóxica en áreas prioritarias, aplicando solucións baseadas na natureza (SBN) para mellorar o estado de conservación de hábitats e especies, así como a conectividade ecolóxica.
- A nivel económico, deseñaranse e promoveranse mecanismos innovadores de financiamento da biodiversidade que reforcen a sostibilidade das actuacións.
- Isto complementarase co impulso da marca colectiva “Saberes do Monte”, que favorecerá a comercialización de produtos e servizos ligados á gandería extensiva, a apicultura e o ecoturismo.
- Finalmente, o proxecto integrará accións de comunicación, transferencia de coñecemento e replicabilidade, co obxectivo de ampliar o seu impacto a outros territorios.
Cal é o papel da Fundación Juana de Vega neste proxecto?
A Fundación Juana de Vega é a entidade responsable da coordinación e dirección técnica do proxecto, así como das actuacións para a mellora da gobernanza a través da custodia do territorio, o impulso da marca “Saberes do Monte” e a estratexia de comunicación e transferencia de resultados.
Programa financiador
SABERES DO MONTE conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), a través da cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Ademais, tamén colaboran co proxecto a área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo, Caixa Rural Galega e a Fundación Naiterra.
Cómpre destacar que o proxecto obtivo a segunda puntuación máis alta na convocatoria, entre un total de 110 candidaturas presentadas.

Duración
18/02/2026 - 30/09/2028 (31 meses)
Orzamento total
1.271.619€ (financiados nun 60% polo Fondo FEDER)
Importe da axuda da Fundación Biodiversidad
762.971,43€