Caixa Rural Galega e a Fundación Juana de Vega asinan un convenio para cofinanciar o proxecto de bioeconomía Saberes do Monte

Share

Caixa Rural Galega vén de asinar un acordo de mecenado coa Fundación Juana de Vega para ser unha das entidades cofinanciadoras do novo proxecto de bioeconomía “Saberes do Monte: Coñecemento tradicional e custodia para un monte vivo”, aprobado pola Fundación Biodiversidad no marco de subvencións para o impulso da infraestrutura verde e cofinanciado nun 60% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). En total, Caixa Rural Galega achegará 56.800€ repartidos en tres anualidades ata finais de 2028 para reforzar o impacto social, ambiental e económico da iniciativa. En concreto, destinarase a apoiar as actuacións para revisión de instrumentos de xestión forestal e a realización de intervencións no territorio destinadas a apoiar o pastoreo extensivo como ferramenta de conservación e prevención de incendios.

A sinatura do mecenado tivo lugar esta mañá na sede da cooperativa de crédito en Lugo por parte de Manuel Varela López, presidente de Caixa Rural Galega, e de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega.

A través de Saberes do Monte apoiaranse as actividades tradicionais vinculadas ao monte en cinco áreas piloto de Galicia para facilitar a conservación de hábitats prioritarios. En concreto, a Serra do Xistral, Negueira de Muñiz, Ancares e O Courel (Lugo) e Serra da Groba (Pontevedra). Case 22.000 hectáreas que abarcan os municipios do Valadouro, Muras, Abadín, Ourol, Xove, Alfoz, Vilalba, Negueira de Muñiz, Cervantes e Folgoso do Courel (Lugo), Oia e O Rosal (Pontevedra).

O proxecto integrará coñecemento tradicional, custodia do territorio e restauración ecolóxica para reforzar a infraestrutura verde destas zonas de Galicia e promover a resiliencia fronte ao cambio climático e os incendios forestais. Ademais, consolidarase a marca colectiva Saberes do Monte para valorizar en circuítos curtos os produtos resultantes da actividade de gandería extensiva, apicultura e ecoturismo. Outros eixos estratéxicos do proxecto serán o impulso ao emprendemento rural como ferramenta para fixar poboación e o reforzo da gobernanza participativa, promovendo unha maior presenza das mulleres nos espazos de toma de decisións.

A finais de 2028, o proxecto aspira a demostrar que biodiversidade, bioeconomía rural e emprego verde poden constituír ferramentas estratéxicas para consolidar un monte vivo, produtivo e máis resiliente fronte aos incendios forestais e ao cambio climático.

O consorcio de Saberes do Monte está liderado pola Fundación Juana de Vega e integra un equipo multidisciplinar conformado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade da Coruña (UDC) e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT). A alianza combina coñecemento científico, experiencia en xestión territorial e traballo directo coas comunidades locais, garantindo unha abordaxe integral que conecta investigación aplicada, gobernanza participativa e intervención práctica no territorio.

Sobre a Fundación Juana de Vega
A Fundación Juana de Vega é unha entidade privada sen ánimo de lucro que traballa para promover o coñecemento, a conservación e o desenvolvemento do medio rural de Galicia a través de catro áreas estratéxicas de actuación. Como axente independente da sociedade civil, actúa como nexo de unión entre persoas, sectores produtivos e institucións, impulsando a investigación, a formación, a divulgación e a transferencia de coñecemento co obxectivo de contribuír a un rural produtivo, innovador, sostible, identitario e habitado, capaz de facer fronte ao reto demográfico, á remuda xeracional, á mellora da ordenación do territorio e aos desafíos do cambio climático.

Sobre Caixa Rural Galega
Caixa Rural Galega é unha entidade financeira con forma xurídica de cooperativa de crédito con sede en Lugo. Conta a día de hoxe con 48 oficinas repartidas pola xeografía galega e con máis de 180 empregados. A entidade destaca polo seu compromiso con Galicia así como, especialmente, polo desenvolvemento do medio rural. A achega económica para Saberes do Monte provén do Fondo de Educación e Promoción que ten por obxecto, entre outros, promoción social, cultural, profesional e asistencial do ámbito local ou da comunidade en xeral, así como a mellora do hábitat e a protección ambiental.