San Clemente
Santiago de Compostela. A Coruña
Promovida polo Concello de Santiago de Compostela e ematada o 23 de xullo de 2011
A praza de San Clemente atópase na contorna inmediata da Catedral de Santiago. Tratábase dunha rampla construída a mediados do século pasado, cun trasformador eléctrico soterrado, que partía en dous o espazo público. Por unha banda funcionaba como viario, pero por outro encaixada un espazo inútil como estancia, que acabou converténdose nun caótico aparcadoiro.
A intervención realizada articúlase por medio do traslado do muro de contención, que se converte na clave da actuación. A súa nova localización permite gañar visibilidade e a aparición dunhas escaleiras de conexión que o fan máis cómodo e acorde coa contorna. Na intervención realizada procedeuse a unha renovación exhaustiva de todo tipo de infraestruturas eléctricas, saneamento, gas, telefonía…, e deuse cabida aos restos arqueolóxicos descubertos durante as obras.
A complexidade dos límites da intervención leva a elixir un despezamento de pavimento relativamente neutro formado por bandas de granito moreno que confinan con lastro negro. O muro inclinado resólvese co mesmo sistema, procurando así rebaixar a súa presenza.
A rampla redúcese a un carril de tráfico de subida, o que elimina a necesidade de xiro no encontro inferior. Ao manterse pegada ao aparcadoiro, serve tamén de acceso e saída deste. A circulación no resto da actuación limítase a veciños e vehículos de emerxencia.
A zona central ordénase con catro báculos de gran porte con luminarias baixas. Á súa vez, a rampla ilumínase cunha luz rasante por medio de pequenos apliques de parede. Os farois tradicionais consérvanse en diálogo coas novas luminarias, aplicando conceptos xa coñecidos en rehabilitación, de coexistencia de materiais novos e vellos.
A proposta intégrase sen solución de continuidade co tecido urbano adxacente. O lousado de granito de reutilización en espiña de peixe da rúa superior avanza introducíndose na rampla. A escalinata sur transfórmase en bancadas que penetran na rúa Raxoi. A canle de pluviais da rúa Trinidade marca o cambio de pendente no seu encontro coa praza e as beirarrúas que baixan da rúa San Clemente remátanse respectivamente no patín da última casa ou no soportal do aparcadoiro cuberto.
A actuación complétase con catro árbores que se sitúan estratexicamente entre o enxame de infraestruturas soterradas que se integran coas existentes, contribuíndo a diluír os límites da actuación, tratando así o espazo público como un continuo de cidade.