O lugar foi a orixe de todo. Este cruzamento era un punto simbólico e funcional clave: a entrada á cidade para milleiros de peregrinos que encaran o último tramo do Camiño Francés tras o descanso no Monte do Gozo, ademais dun ámbito de encontro entre barrios e xeracións. Esta intervención nace tamén da súa condición de fronteira entre dous tecidos e dúas escalas: o urbano contemporáneo e o histórico vinculado ao Camiño de Santiago. A lectura do territorio, da súa memoria e da súa topografía foi determinante. Como explica o autor, Eduardo Cruz: “non se trataba de impoñer, senón de descubrir o que podía ser, traballando co que existía”.
O proxecto abordou a reconstrución dun ámbito urbano complexo, de aproximadamente 29.000 m2, marcado pola fragmentación e pola perda de continuidade entre tecidos. A proposta formulou unha estrutura social e paisaxística baseada na integración da mobilidade, a escala cidadá e a memoria do lugar.
O proxecto substituíu a lóxica viaria por unha concepción compartida do espazo público, introducindo sistemas de drenaxe sostible (SUDs), arborado continuo e iluminación a escala peonil. A paisaxe actúa como infraestrutura activa, integrando función, percepción e sostibilidade.
O uso e o tempo foron matizando a percepción inicial. O espazo revelou unha nova condición: máis accesible e continuo, permeable e equilibrado, con desprazamentos directos e un equilibrio maior entre peón e vehículo. A cidadanía comezou a apropiarse do lugar, consolidando o sentido colectivo dunha infraestrutura que é, ao tempo, paisaxe e cidade.
Valoración do xurado
O xurado do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2025 apreciou especialmente a sobriedade e rigor formal e técnico desta execución no seu contacto co ámbito de protección histórico de Santiago. Considera remarcable a solución específica para este cruzamento de camiños no eixo coa avenida de Lugo, a antiga vía de circunvalación á zona urbana. Neste punto, valora, asumiuse un reto de gran calidade espacial soportada con solucións que salientan a xerarquía do Camiño de Santiago na súa aproximación ao templo.
A condición de grande espazo público cun tratamento métrico, matérico e perceptivo adecuado co tratamento disuasorio do impacto do tráfico revitalizan a consideración de espazo público unificado, sen fragmentos, garantindo a dimensión da súa razón de ser.
