A actuación de paisaxismo conecta o residencial de 125 vivendas coa natureza próxima do río Sar. Entre os dous espazos sitúanse a circunvalación e as vías do tren, que se esvaecen ao fundir visualmente este espazo co bosque de ribeira.
Xérase un contacto estreito co natural, coas plantas e os paxaros que estas atraen. A vexetación de carácter silvestre introdúcese en prazas e zonas públicas, nos garaxes, rochos ou corredores comunitarios. Os espazos verdes sitúanse a distintos niveis, con patios nos que entra a luz e a choiva e asoman as copas das árbores ao nivel superior.
A maridaxe entre os edificios e a vexetación realza o conxunto. Os tres edificios robustos, rítmicos, simétricos, combinados coa vexetación por todas partes, silvestre, coa súa orde de patróns naturais, fai que edificios e xardíns melloren en común.
O xardín ten que proporcionar beneficios e perdurar cun mantemento mínimo. As plantacións emulan un ecosistema maduro en equilibrio, pola súa composición, diversidade de especies, tamaños e idades dentro de cada especie. Ademais, aínda que non existe solo natural e se planta sobre forxados, a zona radicular garante o éxito futuro, con osíxeno e humidade, pero tamén con fungos, bacterias e invertebrados, a vida do solo.