Sofía Godoy e Juan Carlos Rodríguez abriron este forno de pan en 2019, procedentes doutros sectores profesionais e sen ningún vínculo co oficio artesán, pero totalmente convencidos de continuar a tradición e o legado dun panadeiro de Cea que se xubilaba.
A nave industrial é un edificio singular situado nunha parcela do polígono industrial de San Cristovo de Cea. Está inspirado nos valores ancestrais de elaboración deste pan con Indicación Xeográfica Protexida (IXP), pero incorporando innovación conceptual e tecnolóxica. “O noso pan faise entre mans igual ca no século XIII sen esquecer que estamos no s. XXI. A tecnoloxía poñémola a traballar ao coidado do medio ambiente”, ten contado Godoy.
O corazón da nave dun só volume e dous andares son dous fornos de leña tradicionais de nova construcción, coa factura dos típicos como marca o Consello Regulador (fixos e con bóvedas esféricas en proporción ao diámetro), pero revestidos de material illante para gardar e aproveitar máis a calor. No primeiro piso distribúense os espazos de traballo e no segundo, a aula-taller, a de formación, a de degustación e visitas guiadas con visión didáctica do interior e de todo o proceso de produción.
Unha das innovacións máis destacadas é o sistema de reciclaxe dos gases da combustión dos fornos. O calor que se xera utilízase para quentar a auga e a calefacción a través do chan radiante. Axuda tamén a manter a temperatura do obradoiro, necesaria para a fermentación da masa nai, e tamén para conseguir que a leña estea sempre seca. É un circuito que busca a eficiencia enerxética e sostible de todo o proceso industrial-artesanal.
Valoración do xurado
Coa mención especial ao proxecto Forno de pan de Cea Aboamigalla, os expertos quixeron poñer o foco na sensibilidade dos promotores, Sofía Godoy e Juan Carlos Rodríguez, así como do autor do proxecto Juan Carlos Cabanelas Rodríguez pola delicadeza no deseño deste edificio singular. “Son un exemplo positivo de como unha construción ex novo pode mellorar a típica paisaxe monótona e pouco relevante dun parque empresarial”.
“Son un exemplo positivo de como unha construción ex novo pode mellorar a típica paisaxe monótona e pouco relevante dun parque empresarial”.
