Presentación da biografía sobre Juana de Vega en Pamplona e visita institucional a Idocin

Share

A Fundación Juana de Vega continúa divulgando a traxectoria e obra de Juana de Vega, a muller con maior influencia política na España do s. XIX.

O xoves, 21 de marzo (19:00h) presentou na Librería Ménades (Pamplona, Navarra) a última biografía sobre a fundadora editada en castelán pola editorial Marcial Pons. Acudiron ao evento o presidente da Fundación, Enrique Sáez Ponte, e o autor do libro, Xosé Ramón Veiga Alonso. Durante o evento, ambos destacaron o estreito vínculo de Juana de Vega con Navarra a través da figura do seu marido, o xeneral liberal Francisco Espoz y Mina, e de Pablo Sarasate, un dos mellores músicos españois da súa época, a quen descubriu e sufragou os seus estudos en Madrid.

Visita a Idocin, terra natal de Espoz y Mina
Aproveitando a estadía en Pamplona, ao día seguinte Enrique Sáez achegouse a Idocin, concello do que era natural Espoz y Mina situado a unha media hora da cidade de Pamplona. Alí, diante da que foi a casa familiar do xeneral foi recibido polo actual presidente do Concejo de Idocin, Daniel Ursua, e polo seu antecesor J. Javier Eslava, que ocupou o cargo 25 anos. A modo de agasallo institucional entregoulles a biografía de Juana de Vega.