O proxecto europeo EC4RURAL fomentará sinerxías cos GDR de Galicia para que o rural sexa actor protagonista da transición enerxética limpa

Share

Os socios do proxecto europeo EC4RURAL volverán reunirse o próximo martes, 6 de febreiro na sede da FEGAMP para continuar xerando sinerxías cos actores do rural galego no seu obxectivo de fomentar e impulsar a participación local na transición cara a unha enerxía limpa nas zonas rurais, particularmente a través das comunidades enerxéticas.

O encontro de traballo comezará las 10.30h coa benvida oficial a cargo de José Antonio Santiso, presidente da Asociación de GDR de Galicia; Jorge Blanco, subdirector de Promoción Internacional e Rural Intelixente; e Alberto Varela, presidente da FEGAMP. A continuación, Xavier Simón, coordinador do proxecto, presentará (10:50h) os principais obxectivos de EC4RURAL para, a continuación, dar paso (11:05h) a Carmen Castells, de Sapiens Energía, e a Lucía Mendoza, de EspazoCoop, quen abordarán como os GDR se poden implicar no enfoque metodolóxico e no plan de traballo de EC4RURAL.

Tamén está prevista unha mesa de experiencias (11:35h) na que participarán Eva González, xerente do GDR Limia Arnoia, e Paco González, xerente da Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta, que falarán das propostas de enerxía comunitaria que queren desenvolver nos seus respectivos territorios denominadas “Auga e enerxía no territorio rural” e “Condado Paradanta Xenera”. Tras eles, intervirá Noel Viñas, director xeral de UDESA, para presentar esta distribuidora eléctrica que actualmente presta servizo en 17 concellos rurais da provincia da Coruña.

Análise inicial positiva
A execución do proxecto EC4RURAL arrancou en setembro de 2023 coa reunión inicial dos socios en Vigo (Pontevedra). Nos últimos catro meses, os socios de Galicia convocaron unha reunión de traballo cos responsables dos 22 concellos participantes e tamén finalizaron a fase de análise inicial con entrevistas a estes municipios e aos GDR de Galicia. O resultado das enquisas foi moi positivo. En xeral, ambas institucións amosaron vontade de adoptar un papel
activo na promoción das comunidades enerxéticas rurais xa que son conscientes da oportunidade que supoñerán para a dinamización socioeconómica dos seus territorios.


Que é EC4RURAL?
Cun orzamento de 1,6M€, o proxecto europeo EC4RURAL está cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea e implementarase ao longo do período 2023-2027 en varias fases co obxectivo de transformar as relacións entre entidades locais, rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición cara ao consumo consciente de enerxía limpa, garantindo que as zonas rurais non queden atrás nun cambio de modelo imprescindible no actual
escenario climático. Tamén se busca evitar a pobreza enerxética, contribuíndo a unha transición máis xusta.

A Universidade de Vigo lidera un consorcio multidisciplinar integrado por outras nove entidades de España, Bélxica e Estonia. En España participan a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a cooperativa Sapiens Enerxía, Unión Espazocoop de Cooperativas Galegas e a Fundación Juana de Vega. Con sede en Bélxica, atópase a Asociación Europea Leader para o Desenvolvemento Rural (ELARD) e por parte de Estonia están a Universidade de Tartu, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu e a Unión Estonia Leader (ELU).

Os 22 municipios que participan no piloto galego son: Mazaricos, Moeche, Monterroso, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense), Becerreá, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).