O Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2024 estrea a categoría “Edificacións e instalacións produtivas” no medio rural

Share

A Fundación Juana de Vega vén de abrir a convocatoria no Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, categoría de “Edificacións e instalacións produtivas”, que se estrea por primeira vez este ano. O obxectivo é recoñecer a calidade construtiva e correcta integración paisaxística deste tipo de construcións vinculadas con procesos produtivos no medio rural. Nun contexto máis amplo, a entidade busca darlles protagonismo como elementos que contribúen a mellorar a paisaxe de Galicia e poden servir de referencia social para futuras intervencións.

A tipoloxía de proxectos que poden optar ao premio abrangue desde granxas a fábricas, talleres, adegas, serradoiros, silos, ou instalacións produtivas de calquera sector económico asentado no medio rural, como naves ou plantas industriais, entre outras.

O xurado avaliará aspectos como a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe; ou a incorporación de criterios de sostibilidade, uso racional dos materiais, estratexias de proximidade e economía circular. Tamén terá en conta a adecuación da intervención realizada aos usos previstos e a capacidade da obra de converterse en referencia social.

Admitiranse intervencións realizadas en Galicia e acabadas nos oito anos anteriores a 2024, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2023. O prazo estará aberto ata o 30 de xuño de 2024 e o fallo darase a coñecer no último cuadrimestre do ano.

As candidaturas poden ser presentadas polos autores ou promotores privados do proxecto ou por un terceiro, incluídas asociacións ou outras entidades que teñan coñecemento de intervencións que ao seu xuízo, poidan ser merecedoras dos galardóns. O xurado tamén poderá premiar proxectos que non se presentasen á convocatoria se os consideran merecedores do galardón.

A dotación económica será de 6.000€ e, se o considera pertinente, o xurado poderá repartir o valor económico entre os autores e o promotor, podendo percibir este último ata o 50% do mesmo. A maiores, e a criterio do xurado, poderán concederse dous accésits, dotados cada un deles con 1.500€.

Composición do xurado
O xurado do Premio de Intervencións na Paisaxe 2024 estará integrado por dous enxeñeiros de prestixio nomeados pola Fundación Juana de Vega, o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais (COIIG) e o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG), ou persoa na que delegue, e dous representantes de diferentes ámbitos profesionais relacionados coas intervencións na paisaxe e o territorio, a arte e a cultura. A mesa tamén estará composta por un membro do padroado da Fundación Juana de Vega e o director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, que actuará de secretario. A Fundación Juana de Vega, de entre os membros do xurado, nomeará ao presidente.

Vinte anos do Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe
O Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe xorde en 2004 do convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade por incidir directamente no seu benestar físico e social e por ser un recurso socioeconómico de enorme potencial. Ata 2015, convocouse na categoría Vivendas unifamiliares, abríndose en 2016 á categoría Intervencións en espazos exteriores e, a Intervencións privadas no patrimonio construído en 2014. As tres fóronse alternando anualmente. Este 2024, a Fundación Juana de Vega, promotora do Premio, considerou de relevancia dar un novo paso para seguir ampliando a preocupación pola paisaxe e o territorio implicando aos sectores produtivos asentados no medio rural. Por iso, a creación da nova categoría Edificacións e instalacións produtivas no medio rural que substitúe a Vivendas unifamiliares. Nestes 20 anos entregáronse máis de medio centenar de distincións, entre premiados, accésits e mencións.