O consorcio I-ReWater inicia tres anos de investigación sobre o uso de auga rexenerada en regadío para promover unha xestión hídrica adaptada ao cambio climático

Share

O proxecto “I-ReWater. Xestión sostible dos recursos hídricos na agricultura de regadío no espazo Sudoe” arrincou esta semana de forma oficial coa reunión de lanzamento (19 e 20 de febreiro) na que participaron representantes do consorcio multidisciplinar formado por 16 socios, así como de varias das 39 entidades colaboradoras. Durante dous días, medio cento de técnicos perfilaron e repasaron en persoa o plan de traballo para alcanzar os fitos marcados ata 2026 e que terán como resultado final a presentación da Estratexia Transnacional de uso de augas rexeneradas. A Fundación Juana de Vega estivo representada polo equipo de Investigación e Innovación da entidade.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga, deu a benvida ao consorcio I-ReWater no marco dun acto institucional no que tamén participaron como relatores o catedrático da USC e coordinador do grupo PROePLA, Manuel Marey; o subdirector de Prácticas e Movilidade da EPS de Enxeñería, Emilio Carral Vilariño; a alcaldesa do Concello de Lugo, Paula Alvarellos; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e o secretario da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago.

Previamente, interviñeron online Isabelle Roger, directora da Secretaría Conxunta de Interreg Sudoe, e Gloria Lázaro, responsable de proxecto, para dar as claves de execución técnica.

Valor engadido para a auga de rega
O obxectivo principal de I-ReWater é mellorar a xestión dos recursos hídricos na agricultura, integrando o uso de auga urbana rexenerada en cultivos agrícolas, contemplando aspectos ambientais que aseguren o seu bo uso debido á crise climática actual. Foi aprobado durante a pasada convocatoria Interreg Sudoe 2021-2027 e conta cun orzamento de máis de 2,2M€ financiados nun 75% polo Fondo FEDER.

Tendo en cuenta que a agricultura consome máis da 50% da auga doce, os resultados desta investigación permitirían reducir as extraccións de hábitats naturais (superficiais e subterráneos) e solucionar os problemas de escaseza de forma sostible sen minguar a calidade dos cultivos. Mesmo se reduciría a necesidade de insumos xa que a auga rexenerada procedente de EDARs está enriquecida con nitróxeno e fósforo, ademais doutros compoñentes con propiedades fertilizantes, de interese para os cultivos.

Segundo estimacións iniciais, sinalaba Javier J. Cancela, coordinador de I-ReWater, o uso de auga rexenerada en cultivos regadío podería aforrar un 10% dos recursos hídricos consumidos actualmente. Ademais, tamén aumentaría a porcentaxe de aproveitamento de augas residuais tratadas, que actualmente en Europa sitúase no 2,4%, á vez que se reduciría a degradación ambiental e permitiría avanzar cara a un continente climaticamente neutro.

Dixitalización do fertirriego e agricultura 4.0
As TIC terán un papel relevante nesta investigación. Nas 15 accións piloto que se desenvolverán en cultivos leñosos (oliveiral, viñedo, lúpulo e almendro) e hortícolas (tomate e leituga), todos os sistemas de rega incorporarán sensores de baixo custo a nivel de chan e planta que permitirán interpretar en tempo real parámetros como condicións climáticas, temperatura, cantidade de auga ou nutrientes. Nalgúns casos, mesmo se realizarán voos de dron con cámaras térmicas ou multiespectrales para a adquisición de imaxes que melloren a información obtida.

Unha vez validado, este sistema de axuda á decisión poderíase replicar facilmente a nivel de usuario, permitindo ao agricultor coñecer cando e canto debe regar e, ao mesmo tempo, avanzar cara a unha agricultura máis eficiente e sostible da man da economía circular. A maiores, en todos os pilotos organizaranse xornadas de sensibilización e portas abertas, entre outras accións de divulgación, para fomentar o coñecemento das investigacións de I-ReWater e as vantaxes de empregar auga rexenerada en agricultura.

En concreto as accións piloto en España levaranse a cabo en Carrión de los Céspedes (Sevilla) (x2), Baix Llobregat (Barcelona), Lles Garrigues (Lleida), La Grajera (Logroño), Abegondo (A Coruña), e Ribera del Órbigo (León). A auga rexenerada para a rega procederá de tratamentos terciarios en EDARs, adegas e instalacións dos socios, sendo almacenada en depósitos ou balsas preto dos pilotos.

Consorcio
O consorcio de I-ReWater está integrado por 16 entidades líderes no seu sector do espazo Sudoe, tal e como se denomina a rexión formada polo territorio da Península Ibérica, Principado de Andorra e Sur de Francia. A Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), lidera este proxecto, no que tamén participan a Fundación Juana de Vega, HOPEN – Terre de Houblon, Instituto de Ciencias de la Vid y el Vino (ICVV), Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária, IP (INIAV, IP), Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Instituto Politécnico de Bragança, IRTA (Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias), Universidad de Córdoba (UCO), Águas do Norte, S.A., INRAE, Agencia de Medio Ambiente y Agua de Andalucía (AMAYA), Gestagua, Àrea Metropolitana de Barcelona (AMB), Oficina del Regant del Departament d’Acció Climàtica i Agenda Rural de la Generalitat de Catalunya (OdR) y Gobierno de Andorra. O coordinador é o profesor na EPS de Engeniería e investigador do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC, Javier J. Cancela Barrio.