O Clúster Alimentario de Galicia convoca a III Edición dos Premios Galicia Alimentación.

Share

O Clúster Alimentario de Galicia, convoca a III Edición dos Premios Galicia Alimentación. O obxectivo é contribuír a promocionar os produtos alimentarios e as bebidas, os proxectos e as empresas e institucións relacionados, mellorar a súa imaxe e posición de maneira que adquiran unha importancia relevante tanto dentro do sector alimentario, como da sociedade en xeral. Buscarase estimular aos diferentes elementos da cadea alimentaria na produción, transformación, distribución, utilización, coñecemento e consumo destes alimentos, así como, recoñecer o seu esforzo comercial, innovador, de desenvolvemento sustentable.

Categorías

Premio Galicia Alimentación ao produto innovador: Novos produtos caracterizados pola súa innovación, o seu potencial comercial, o seu deseño, a súa posibilidade de agregar valor aos produtos galegos e en particular á adaptación ás demandas do consumidor, con especial atención á relación entre nutrición e saúde.

Premio Galicia Alimentación ao proxecto empresarial: Proxecto innovador ou empresa de especial relevancia, destacada ou singular que se caracterice pola súa innovación en organización, produción e/ou modelo de negocio, que desenvolvan produtos ou servizos innovadores no ámbito da cadea de valor dos alimentos e bebidas, incluíndo o desenvolvemento tecnolóxico cara á fábrica do futuro 4.0; así como destacada polo seu carácter emprendedor e cooperativo e a súa visión estratéxica de futuro.

Premio Galicia Alimentación á estratexia de mercado e internacionalización: Empresas e organizacións da industria de alimentación e bebidas que traballen para acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Valorarase a innovación na estratexia de mercadotecnia e internacionalización, a evolución e dinamismo e o desenvolvemento do seu plan de mercadotecnia para o posicionamento en novos nichos e a orientación ao consumidor, adaptándose ás novas tendencias de consumo.

Ademais recollese a facultade do xurado de outorgar un Premio Extraordinario Galicia Alimentación á proxección do sector alimentario e bebidas: Institucións e organizacións que se distingan polo seu labor en favor do apoio ás iniciativas empresariais, ao emprendemento e á innovación no sector, así mesmo, a traxectoria e o traballo desenvolvido por institucións que se distingan polo seu labor en favor da promoción da calidade, a imaxe dos produtos galegos.

Presentación de candidaturas

Deberá cumprimentarse o formulario de candidatura que se pode descargar na web ou solicitar en info@clusaga.org. O prazo de presentación de candidaturas remata o 31 de marzo de 2017.

Para máis información pode contactar en info@clusaga.org ou no teléfono 981 556 062

Premios ao emprendemento, cooperación, innovación e internacionalización do sector alimentario en 2017.