O capital natural como soporte de vida: unha cuestión fundamental para o desenvolvemento de Galicia

Share

Oleiros, 2 de outubro de 2017.- A Fundación Juana de Vega acolleu o venres o faladoiro "A Contabilidade do Capital Natural: Situación presente e perspectivas futuras", no que participaron Arturo de la Fuente, director da unidade de Estatísticas Ambientais e Contas, Desenvolvemento Sostible de Eurostat; Antonio Martínez Serrano, subdirector xeral de Estatísticas Agrarias e Financeiras do INE, e Roberto Vallejo Bombín, xefe da área de Inventario e Estatísticas Forestais do Ministerio de Agricultura.

A coordinadora da xornada, María Loureiro, do departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC, foi a encargada de abrir o faladoiro. Salientou a necesidade de "empezar a medir en termos físicos" para poder darlle un valor e tamén un prezo aos recursos naturais que existen en Galicia. "Non sabemos aínda o que temos –destacou–, por iso é moi importante o traballo que esta a facer o Eurostat", a través ferramentas coma os novos satélites que permiten ver a paisaxe, os incendios e como está a cambiar o territorio e ter posibilidades de empregar estes datos "dende un punto de vista de xestión, político e social para entender o país". Se trata de analizar os "casos pilotos previos do Eurostat e a partires de aí poderiamos ver canto vale todo esto, pero aínda estamos nunha fase moi embrionaria".

"Non somos conscientes do patrimonio natural que temos pero cando cambiamos de ecosistema vital empezamos a ser conscientes", engade. Por iso resultan fundamentais a "concienciación e o coñecemento, mobilizar os recursos para ter máis estudos e darlle visibilidade ao concepto: non debiamos ser os ultimos da cola en estimar o que vale o noso capital natural porque somos unha das rexións máis ricas en biodiversidade e patrimonio natural de Europa".

Antonio Martínez, Arturo de la Fuente, Roberto Vallejo, María Loureiro

Polo de agora, "existen infinidade de estatísticas en diferentes unidades, capas e tamaños que non se cruzan" e hai que tratar de "agregar todo conxuntamente e sacar unha primeira radiografía". En palabras de Maria Loureiro, "medir é fundamental para saber que temos e como xestionamos uns recursos que cada vez son máis escasos polos cambios climáticos e pola presión demográfica". En canto ao risco de que se cobre pola xestión do patrimonio natural, a solución podería ser "pagar a quen che preserva o ecosistema, a quen che dá o servizo". "É entendible que haxa certas reticencias á valoración do capital natural por temor á súa mercantilización. No entanto o capital natural xa está no mercado e mesmo desde as Políticas Agrarias Comunitarias se establecen mecanismos de pago para os proveedores de servizos ecosistémicos” –analiza Loureiro–; somos unha potencia mundial a nivel pesqueiro, a Comunidad española que máis CO2 capta na atmósfera e carbono por hectárea retén nos solos. Somos a que máis madeira produce, a que máis enerxía de fontes verdes produce... a nosa economía ten un sustento moi importante na natureza, somos unha bioeconomía que ademais produce moitos servizos culturais".

Pola súa banda, Arturo de la Fuente, director da unidade de Estatísticas Ambientais e Contas, Desenvolvemento Sostible de Eurostat, reflexionou na súa intervención sobre a posibilidade de poñerlle prezo á natureza, xa que é algo moi dificil de cuantificar".

Segundo De la Fuente, "os ecosistemas producen servizos e beneficios tanto para a economía como para as persoas; o valor destes activos depende do seu estado de conservación porque os ecosistemas están expostos a un estado de degradación". O experto do Eurostat explicou que para valorar un ecosistema "hai que ter en conta tres tipos de servizos: o de aprovisionamento, que é o que a natureza fai pola humanidade; o de regulación e mantemento, como o ciclo da auga, a eliminación de CO2 ou o mantemento físico e químico do ecosistema, e o servizo de recreación e turismo que, ademais, poden ser fonte de ingresos económicos".

Hai tres variables importantes nesta cualificación: a extensión, o estado de conservación e a valorización dos activos. Os indicadores que permiten cuantificar o estado de conservación son a vexetación, a diversidade, o solo, a auga ou o carbón aínda que é moi difícil comprobar como evolucionan porque non o fan dunha maneira lineal.

Arturo de la Fuente tamén avanzou en que consiste o proxecto KIP INCA da Comisión Europea, formado por profesionais con perfís diferentes, que busca ver ata que punto funciona a contabilidade dos ecosistemas e poñelo en práctica, xa que ata o de agora só funciona de maneira teórica. O proxecto está nunha segunda fase para implementar estas contas piloto e ver que saída se lles pode dar nas políticas comunitarias. A idea é crear un sistema cun valor engadido para o proxecto poida ser despois adaptado a comunidades autónomas como Galicia.

Riqueza en cuanto a valor económico, cambio climático, melloras na saúde pública… Políticas territoriales vinculadas ao patrimonio natural. Beneficio medioambiental: erosión, auga, biodiversidade.

Os faladoiros da Cátedra Juana de Vega advirten da necesidade de dar a coñecer e poñer en valor o noso patrimonio natural.

Hoxe celebrouse na sede da Fundación Juana de Vega un novo Faladoiro da Cátedra Juana de Vega, no que expertos de Eurostat, o INE e o Ministerio de Agricultura analizaron o potencial de Galicia para analizar o valor e peso específico do seu capital natural.

O obxectivo é obter unha valoración global do papel do patrimonio natural como xenerador de riqueza e a súa influencia nos servizos ecosistémicos, de impacto positivo sobre a saúde pública e cohesión social, efecto medioambiental, influencia no freo do cambio climático ou da contaminación ambiental.

Os expertos chamaron a atención sobre a escasa preocupación social e política de valorar o noso capital natural.

María Loureiro, do departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC, alerta de que non deberíamos ser os últimos da cola en estimar o que vale o noso capital natural porque somos unha das rexións coa biodiversidade máis rica de Europa.

Arturo de la Fuente, do Eurostat, explicou en que consiste o proxecto KIP INCA da Comisión Europea, formado por profesionais con perfís diferentes, que analiza a contabilidade dos ecosistemas.

Pedro Calaza, representante da Escola Galega da Paisaxe, incide en que esta liña de traballo permitirá xestionar de xeito máis sostible e racional o noso territorio.