José Caridad, de O Prego: “O Programa axudoume a decidir onde tiña sentido concentrar os esforzos”

Share

Entrevistamos a beneficiarios do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega para saber que lles achegou a súa participación, por que o recomendan e en que fase se atopa agora o seu proxecto. Nesta ocasión, falamos con José Caridad, promotor de O Prego, un proxecto de cría de bois en pastoreo radicado en Cerceda, A Coruña.

Para comezar, explícanos en que consiste o teu proxecto.
O Prego é un proxecto gandeiro arredor do boi, pero a idea vai bastante máis alá de producir carne. Partimos dunha explotación real e queremos construír arredor dela un modelo baseado no produto, nas experiencias e no coñecemento, sempre moi ligado ao territorio, á trazabilidade e á forma de producir.

 

Participaches na XII edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, na modalidade de Emprendemento. Que che achegou o programa?
Sobre todo axudoume a ordenar o proxecto. Cando emprendes tes moitas ideas, pero non todas teñen o mesmo valor nin son igual de viables. O programa obrigoume a poñer números, analizar mellor o modelo de negocio e decidir onde tiña sentido concentrar os esforzos.

 

Cales son os aspectos que máis valoras do programa?
Valoro moito o acompañamento e poder contrastar o proxecto con profesionais de ámbitos diferentes. Ás veces estás tan metido no día a día que perdes perspectiva. Ter persoas externas que cuestionen determinadas decisións e che axuden a estruturar o proxecto é moi útil.

 

Ademais, conseguiches un accésit grazas ao que recibiches 15 horas de asesoramento adicionais para desenvolver o teu proxecto. Como aproveitaches este premio?
Aproveitamos esas horas para seguir profundando no modelo de negocio e na estratexia de O Prego, especialmente en como diferenciar o proxecto, como posicionar a marca e como desenvolver novas vías de ingresos arredor da explotación sen perder de vista a actividade gandeira.

 

Por que recomendas o programa?
Porque non se limita a darche formación. Axúdache a analizar o teu propio proxecto, a detectar erros e a tomar decisións con máis criterio. Para alguén que está empezando ou que quere facer evolucionar unha empresa agroalimentaria, ese proceso pode aforrar moito tempo e moitos erros.

 

En que momento se atopa o teu proxecto? Cales son os próximos pasos que tes previstos?
Estamos nun momento de evolución. A explotación xa funciona e agora estamos traballando en dar máis valor ao que producimos: desenvolver a marca O Prego, avanzar na comercialización directa, crear experiencias arredor da finca e seguir construíndo un modelo que combine gandería, territorio e negocio.

O obxectivo é medrar en valor, non simplemente en volume.