Esta tarde o alumnado dos cursos de Viticultura (avanzado) e Fruticultura - Poda de froiteiras 2024 deu comezo a unha nova edición coa asistencia á sesión inaugural na sede da Fundación Juana de Vega. Esta é unha formación para o sector agro dirixida a usuarios afeccionados e semiprofesionais que a Fundación imparte desde 2012 xunto co CFEA de Guísamo (AGACAL). "Un bo exemplo da colaboración público-privada", destacaba José Manuel Andrade, director da entidade, quen presidiu o evento xunto con Camino Nicolás, directora do CFEA.
A continuación interviñeron o coordinador técnico, Luis Quinteiro, e Xosé Antonio Meixide Fernández (Tonecho), que impartiu a conferencia inaugural “Evolución das técnicas de poda en viñedos e froiteiras”. Meixide Fernández, ex profesor de CFEA, foi o impulsor destes cursos hai 12 anos.
As seguintes sesións trasladaranse ás instalacións do CFEA de Guísamo segundo o calendario definido que se pode consultar aquí.
En ambos casos, trátase de formacións eminentemente prácticas cunha duración discontinua xa que seguen o ciclo vexetativo das plantas. Esto permite facer o seguimento en todos os estadíos fenolóxicos e ver "in situ" a evolución nos ciclos de vida e comportamento en función do clima. Esta característica é a principal fortaleza e diferenciación destes cursos.
A maiores, a Fundación Juana de Vega concede 14 bolsas aos alumnos do CFEA de Guísamo para financiar os gastos de matrícula.