A Fundación Juana de Vega continúa divulgando a figura da mecenas e filántropa a través de diferentes actos e actividades por Galicia e territorio nacional. Mañá xoves, 7 de marzo (11:35 -12:25h), coincidindo coa data de nacemento de Juana de Vega e na véspera do Día da Muller, Enrique Sáez Ponte, presidente da entidade, achegarase ao IES Maximino Romero de Lema para inaugurar a exposición conmemorativa conmemorativa "Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século". Tamén dará unha charla para uns corenta rapaces de 2º de Bacharelato.
É de destacar o interese da directora do centro, Ana Facal, pola figura e exposición de Juana de Vega xa que a estadía no IES responde a unha petición persoal súa.
Ata Semana Santa, o alumnado do instituto poderá achegarse, dun xeito divulgativo, á biografía de Juana de Vega, así como ás súas accións e pensamento. A mostra busca difundir a intensa vida dunha muller que tivo unha gran influencia na complexa España do século XIX. Sempre colaborando para modernizala, axudando aos máis desfavorecidos e traballando con eficacia e coa discreción que requiría no seu tempo a súa condición feminina. Sáez Ponte tamén falará da continuidade da súa herdanza e últimas vontades a través da Fundación que leva o seu nome e que, desde hai 152 anos, está dedicada ao desenvolvemento rural de Galicia.
A exposición conmemorativa "Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século" foi promovida pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do seu pasamento. Contou co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade e coa colaboración de máis dunha vintena de institucións, públicas e privadas, que conservaron e catalogaron os fondos que tan xenerosamente Juana de Vega nos legou. Desde 2022, a mostra pasou por varias cidades e vilas galegas (A Coruña, Santiago, Ourense, Vigo, Monforte de Lemos, Mondoñedo) e a Casa de Galicia en Madrid.