CSIC e a Fundación Juana de Vega conclúen a investigación sobre os fungos que atacan ás variedades de vide de Galicia

Share

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2015. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Fundación Juana de Vega presentaron esta mañá nunha roda de prensa en Santiago de Compostela os resultados finais do proxecto “Avaliación da virulencia de distintas poboacións de fungos responsables do Mera, Oídio e Botrytis en distintas denominacións de orixe galegas”

A investigación, de carácter público-privado e iniciada en 2012, foi realizada polo Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC, Pontevedra) co financiamento da Fundación Juana de Vega e a colaboración de Bodegas Terras Gauda (D.O. Rías Baixas), Adegas Moure (D.O. Ribeira Sacra), Virxen de Galir (D.O. Valdeorras), Pazo Casanova (D.O. Ribeiro) e un viticultor particular (Félix Estévez Cisterna, D.O. Monterrei).

Na roda de prensa interviñeron por parte do CSIC, a directora do Grupo de Viticultura, Carmen Martínez Rodríguez, científica responsable do proxecto. Por parte da Fundación Juana de Vega o seu presidente, Enrique Sáez Ponte, e o seu director, José Manuel Andrade.

“Estes tres anos de investigación permitiron coñecer máis sobre os fungos responsables das tres principais enfermidades da vide (Mera, Oídio e Botrytis) en Galicia, tomando como obxecto de estudo, por primeira vez, as cinco Denominacións de Orixe (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras, Ribeiro e Monterrei) e cinco das principais variedades de vide da comunidade galega, as maioritarias en cada unha das D.O. (Albariño, Mencía, Godello, Treixadura e Dona Branca). Todo iso cun fin claro: propoñer ferramentas máis eficaces para combatelos”, destaca Carmen Martínez Rodríguez.

Os científicos do CSIC demostraron a existencia, para Mera e Botrytis, de razas diferentes, con distintos niveis de agresividade e con distinta afinidade por cada variedade de vide.

Paralelamente, traballaron en perfeccionar e en poñer a punto diferentes métodos de cuantificación da concentración de esporas (formas fúnxicas de diseminación) no aire. Por unha banda, puxeron a punto un método de conteo a través de microscopio axustado a un procesador de imaxes e por outro un método de análise molecular. “O resultado obtido é o mesmo en ambos casos, aínda que cada un ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes. O primeiro deles (captura de imaxes a través de microscopio e posterior análise), é máis tedioso e lento na obtención de resultados, pero fornece moita información diferente e é moito máis barato. O segundo é moito máis caro, pero ten a vantaxe da rapidez na obtención de resultados, o que redunda na posibilidade de dispoñer de marxe suficiente para tomar decisións sobre aplicación de tratamentos no viñedo antes de que aparezan os primeiros síntomas da enfermidade nas follas ou os acios ”, explica a Dr. Martínez.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Juana de Vega destacou “a importancia desta investigación realizada por un centro de referencia do CSIC en viños, como é a MBG da man do sector vitivinícola galego, cuxo obxectivo é lograr un maior coñecemento dos fungos que afectan á vide, para así reducir os custos de aplicación de fitosanitarios e o impacto medioambiental derivado do tratamento. En definitiva, o que se persegue é axudar a mellorar a competitividade e a sostibilidade do sector vitivinícola galego, que é unha referencia mundial, non tanto en produción, pero si en canto a calidade dos caldos, e que ademais constitúe o maior exemplo de éxito do sector primario galego nos últimos trinta anos”.

Os eixes do proxecto e os resultados alcanzados

O CSIC, a través do Grupo de Viticultura da MBG, e a Fundación Juana de Vega estableceron unha colaboración público-privada no ámbito do I+D+i da viticultura no ano 2007. En 2012 iniciaron esta investigación co fin último de aportar solucións a un dos temas que máis preocupa actualmente ás empresas vitivinícolas de todo o mundo: os fungos responsables das principais enfermidades da vide.

Para iso, seleccionaron como obxecto de estudo os fungos responsables do Mera, Oídio e Botrytis, tres das principais enfermidades da vide, nas cinco Denominacións de Orixe de Galicia (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras, Ribeiro e Monterrei).

Durante estes tres anos os científicos do CSIC realizaron traballo de campo nas cinco D.O. de Galicia, onde recolleron preto de 30.000 mostras, coas que fixeron posteriormente no laboratorio da MBG (Pontevedra) distintos ensaios e análises.

As principais liñas de investigación centráronse en: a) a cuantificación das concentracións de esporas dos distintos fungos no aire; b) a existencia de razas dentro de cada un dos patóxenos; c) a cuantificación dos distintos niveis de agresividade de cada unha das razas seleccionadas, traballo que se levou a cabo mediante inoculacións controladas en laboratorio coas razas de fungos recollidas en campo; d) o estudo do grado de afinidade destas razas de fungos, con relación ás cinco variedades estudadas.

En primeiro lugar, os científicos do CSIC cuantificaron a concentración de esporas no aire dos fungos responsables da Botrytis, Mera e Oídio nas distintas rexións vitivinícolas de Galicia.

“Nos tres anos de estudo e en todas as zonas analizadas o patóxeno responsable da Botrytis foi o que presentou a maior concentración de esporas no aire. Séguenlle o do Oídio e o do Mera. Monterrei e Ribeira Sacra foron as áreas onde se alcanzaron os niveis máis altos, niveis que se observaron sobre todo na primavera”, explica Carmen Martínez Rodríguez.

“Tamén observamos que determinadas condicións climáticas (temperatura, humidade relativa, humidade foliar ou precipitacións) favorecen o ataque dos fungos. Comprobouse que ata dentro dun mesmo viñedo, segundo a orografía do terreo, había grandes diferenzas na concentración de esporas dos distintos fungos e que cando aumentaba a presenza de esporas de Botrytis, diminuía a de Mera”, indica.

En segundo lugar, os científicos do CSIC confirmaron a existencia de diferentes razas para Botrytis e para Mera. O fungo causante da Botrytis era o que máis razas diferentes tiña -ata 30- seguido do causante do Mera, -seis-. No caso do Oídio, comprobouse que as mostras recollidas en Galicia pertencían todas ao Biotipo B

En canto ás diferenzas entre as cinco zonas obxecto de estudo, Ribeira Sacra e Ribeiro foron as que presentaron o maior número de razas diferentes e Rías Baixas e Valdeorras as que menos.

En canto á virulencia de cada unha das diferentes razas procedentes das distintas zonas vitivinícolas obxecto de estudo, observouse que a mestura de razas procedentes dos viñedos de Monterrei foi a máis agresiva de todas e afectou ás cinco variedades, seguida da procedente de Ribeira Sacra. O resto das razas, mostraron agresividade diferente, dependendo da variedade na que eran inoculadas, o que demostra que teñen unha maior afinidade por unhas variedades que por outras.

A partir destes resultados ábrense novas liñas de actuación. Así, por exemplo, sería interesante no futuro poñer a punto unha técnica que permitise comprobar si entre as esporas recollidas no aire e as recollidas en follas frescas e acios, hai unha mesma raza dominante, ou se no aire é unha a que domina e nos órganos verdes da planta é outra”, avanza Carmen Martínez Rodríguez.

Grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia

O Grupo de Viticultura da MBG (Pontevedra), dirixido pola Dra. Mª Carmen Martínez Rodríguez, formado por catro doutores máis (Dr. Santiago, Dra. Boso, Dra. Alonso-Villaverde e Dra Gago) e tres técnicos, desenvolve actividades de I + D na área científico-tecnolóxica de viticultura e resistencia a enfermidades fúnxicas das variedades de vide. Posúe ademais unha ampla experiencia noutros aspectos relacionados coas variedades de vide.

O devandito grupo de investigación é experto na cuantificación dos niveis de sensibilidade a fungos das viníferas (con especial dedicación ás antigas e aínda pouco coñecidas variedades galegas), no estudo dos mecanismos de defensa da planta fronte á entrada do fungo e no estudo da influencia do chan, o clima ou o manexo de cultivo, na aparición de enfermidades. Son temas todos eles moi demandado nos últimos anos polo sector empresarial vitivinícola internacional, e no que existen poucos científicos especializados.

Máis información:http://www.vitis.mbg.csic.es/vitis/

A Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega é unha entidade xurídica privada constituída no ano 1872 que ten por obxectivo contribuír ao desenvolvemento do medio rural galego. Para iso desenvolve varias liñas de traballo entre as que se atopa a de investigación, que ten como finalidade apoiar accións de investigación e innovación que dean solucións a diversos problemas que se presentan, tanto no ámbito do sector primario, como no do conglomerado agroalimentario de Galicia.

Máis información:http://www.juanadevega.org

O Grupo de Viticultura da MBG-CSIC (Pontevedra) iniciou en 2012, co financiamento da Fundación Juana de Vega, un proxecto de investigación pioneiro e de carácter público-privado sobre os fungos responsables da Mera, Oídio e Botrytis (podremia), tres das principais enfermidades da vide, nas cinco denominacións de orixe de Galicia (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras, Ribeiro e Monterrei).

Tras recoller máis de 30.000 mostras, procesalas e analizalas nos laboratorios da MBG, observouse que o patóxeno responsable de Botrytis é o que presenta a maior concentración de esporas (formas fúnxicas de diseminación) no aire e que esta concentración varía notablemente para cada unha das tres enfermidades ao longo do ciclo vexetativo.

Os científicos do CSIC confirmaron, en dous dos tres patóxenos estudados, a existencia de diferentes razas, sendo o fungo causante da Botrytis o que máis presentou. Ribeira Sacra e Ribeiro foron as zonas con maior número de razas diferentes e Rías Baixas a que menos. No caso do Oídio, todas as mostras recollidas pertencían á raza do Biotipo B (asociado a ataques en épocas tardías do ciclo vexetativo, é dicir, en momentos próximos á vendima).

Traballouse na mellora das técnicas, tanto moleculares como de microscopía e análises de imaxes, que faciliten a rápida e fiable cuantificación da concentración de esporas fúnxicas presentes no aire, co obxectivo de facilitar ao viticultor a toma de decisións para aplicar os tratamentos nos viñedos antes de que aparezan os primeiros síntomas.