CONTRATACIÓN DUN SERVIZO DE AUDITORÍA PARA PRESTAR APOIO ÁS ACTIVIDADES DO PROXECTO INTERREG SUDOE "Soil&WineResidues – Sostibilidade do solo de viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas” (Código de contratación: 04/2025)

Share

A Fundación Juana de Vega é beneficiaria do proxecto Soil&WineResidues – Sostibilidade do solo de viñedo e aproveitamento ecoeficiente dos residuos vitivinícolas, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg Sudoe 2021-2027. O devandito proxecto, liderado pola Misión Biológica de Galicia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, está formado por un total de 15 socios, distribuídos ao longo da área xeográfica Sudoe (España, Portugal e sur de Francia).

O proxecto “Soil&WineResidues“ pretende avanzar cara a modelos produtivos de economía circular no sector vitivinícola para acadar a sostibilidade do solo do viñedo. A través da combinación de varios enfoques tecnolóxicos, proponse: 1) o aproveitamento ecoeficiente in situ dos residuos lignocelulósicos xerados nas viñas para mellorar a saúde e a calidade dos solos; 2) o desenvolvemento de produtos comerciais; e 3) a xeración de enerxía renovable. As actuacións de Soil&WineResidues permitirán abordar o desafío do deterioro da saúde e da calidade dos solos do sector vitivinícola de España, Portugal e as rexións francesas de Nova Aquitania, Occitania e Auvernia.

  1. Obxectivo do servizo

O obxectivo desta contratación é proporcionar á Fundación Juana de Vega un servizo de auditoría externa (controlador) que permita a verificación dos gastos declarados no proxecto Soil&WineResidues.

    O controlador terá a responsabilidade de realizar as verificacións conforme ao disposto no artigo 74.1.a do Regulamento (UE) 2021/1060 e no artigo 46, apartados do 3 ao 9, do Regulamento (UE) 2021/1059.

    O controlador deberá estar debidamente inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC), xa sexa a título individual ou como socio exercente dunha entidade auditora á que pertencer.

    2. Características do servizo:
    A tarefa do controlador consistirá en verificar e determinar a conformidade dos gastos declarados pola Fundación Juana de Vega no marco do proxecto Soil&WineResidues, establecendo cales están en disposición de seguir avanzando polo circuíto financeiro do programa Interreg SUDOE.

    Os procedementos de verificación realizados polo controlador levaranse a cabo a través de verificacións administrativas e verificacións sobre o terreo (in situ).

    Verificacións administrativas
    O controlador deberá comprobar que os gastos declarados pola Fundación Juana de Vega en cada declaración de gastos cumpren as seguintes condicións:

    • O gasto cumpre coas normas de elixibilidade da UE, do programa e nacionais, segundo esta orde xerárquica, e coas condicións para o apoio e pagamento do proxecto, tal e como se describe no contrato de subvención e no manual do programa (dispoñible aquí).
    • O gasto foi contraído e pagado durante o período de elixibilidade do proxecto.
    • A documentación de respaldo é suficiente e existe un rastro de auditoría axeitado.
    • O gasto contabilízase correctamente nun sistema contable diferenciado ou é identificable utilizando un código contable dedicado ao proxecto.
    • O gasto en moeda distinta do euro converteuse aplicando o tipo de cambio segundo o establecido no manual do programa.
    • Observáronse as normas da UE, nacionais e da institución en materia de contratación.
    • Os produtos, servizos e obras cofinanciados foron efectivamente entregados.
    • O gasto ten unha ligazón clara e directa coas actividades do proxecto e coas categorías de gasto do orzamento. Os gastos están en consonancia co formulario de candidatura consolidado e co contrato de subvención.
    • De ser o caso, o beneficiario indicou correctamente a fonte e os importes da cofinanciación externa nacional recibida.
    • Evítase o risco de dobre financiamento.
    • Os custos simplificados utilízanse correctamente e en cumprimento do método elixido.
    • Cumpríronse as normas da UE e do Programa en materia de visibilidade, transparencia e comunicación.
    • Cumpríronse as normas da UE e nacionais en relación cos principios horizontais.
    • Cumpriuse a normativa relativa a axudas de Estado, no caso de que sexa aplicable.

    Verificacións sobre o terreo (in situ)
    Realizaranse verificacións sobre o avance físico do proxecto, a entrega dos produtos, servizos e obras, as normas de publicidade, o sistema de contabilidade e a documentación relacionada.

    A través destas verificacións comprobaranse os seguintes puntos:

    • Que a entrega de bens e a prestación de servizos se realizaron ou se van realizando de conformidade co contrato de subvención e cos termos do programa.
    • Que o grao de avance, se é o caso, de obras e subministracións se axusta aos niveis de gasto declarado e aos indicadores do programa.
    • A durabilidade das operacións, conforme ao establecido no artigo 65 do Regulamento (UE) nº 1060/2021.
    • O cumprimento da normativa da UE e nacional en materia de información, publicidade e medio ambiente.
    • O cumprimento das normas de accesibilidade.
    • As comprobacións que estime convenientes o controlador dirixidas a confirmar as verificacións administrativas realizadas.

    3. Prazo de execución das actuacións
    Os contratos para a prestación deste servizo cubrirán o período de execución do proxecto, comprendido entre o 1 de xuño de 2025 e o 31 de maio de 2028, así como o período de peche financeiro do mesmo, que se estenderá ata un máximo de 5 meses despois da finalización da execución do proxecto. Ademais, contémplase a posibilidade de prorrogar os contratos no caso de ser necesario.

    Durante este período prevese realizar 4 declaracións de gastos no marco do proxecto Soil&WineResidues: unha declaración de gastos cada ano de execución (normalmente antes do mes de maio de cada ano) e a declaración final de gastos.

    O controlador deberá asegurar que os traballos para a verificación dos gastos de cada declaración se levarán a cabo nun prazo máximo de 20 días hábiles, a contar desde o momento en que a Fundación Juana de Vega remate a tarefa de declaración de gastos na aplicación informática do programa (“eSUDOE”).

    4. Documentación a entregar

    • Oferta económica onde se describan os servizos ofrecidos, os honorarios e custos, e toda a información que se poida considerar relevante.
    • Informe que reflicta os datos xerais do auditor ou Entidade Auditora (nome, ROAC, etc.) e que describa as capacidades e coñecementos profesionais do auditor, así como toda a información de interese para o proceso de selección.
    • Informe de experiencia previa en auditoría de proxectos cofinanciados con fondos da UE seguindo o modelo que se pode descargar aquí.

    5. Criterios de selección

    • Oferta económica (80 puntos)

    P = Puntuación a outorgar a cada oferta
    PM = Puntuación máxima para cada criterio (80 puntos)
    MO = Importe da oferta máis barata (en euros)
    OF = Oferta a valorar (en euros)

    • Experiencia en auditoría de proxectos cofinanciados con fondos da UE (Fondos Estruturais Europeos e FEDER en particular) (20 puntos)

    1 punto por cada proxecto financiado polo FEDER auditado.
    0,5 puntos por cada proxecto auditado con outros Fondos Estruturais Europeos.

    6. Importe máximo do proxecto Soil&WineResidues
    Auditoría 1º ano: 1.000€ (IVE incluído)
    Auditoría 2º ano: 1.000€ (IVE incluído)
    Auditoría 3º ano: 1.000€ (IVE incluído)
    Auditoría final: 1.000€ (IVE incluído)
    Total do proxecto: 4.000€ (IVE incluído)

    7. Prazo e forma de presentación da oferta
    O prazo para a presentación de ofertas será de 10 días hábiles a partir do día seguinte ao do anuncio da convocatoria.
    As ofertas deberán enviarse por correo electrónico a tgesto@juanadevega.org co asunto “Contratación controlador proxecto Soil&WineResdiues Interreg Sudoe da Fundación Juana de Vega”.