Congreso internacional "A guerra da independencia e o primeiro liberalismo en España e America"

Share

O congreso, que se celebrará os días 16, 17 y 18 de Xullo no Pazo de Exposicións e Congresos de A Coruña (PALEXCO), servirá para reflexionar sobre a importancia que a Guerra da Independencia tivo na configuración dunha nacente cultura política liberal en España e na América hispana e ofrecer un espazo para a presentación dos máis recentes debates, estudos e tendencias na investigación, tanto da guerra, como dos primeiros liberalismos.

Entrada libre ata completar aforo, previa inscrición na Fundación Juana de Vega.

O Director da Cátedra Juana de Vega, Xosé Ramón Barreiro, a Directora de proxectos da Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, Carlota Álvarez Basso, e o Presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, presentaron en Oleiros o Congreso “A GUERRA DA INDEPENDENCIA E O PRIMEIRO LIBERALISMO EN ESPAÑA E AMÉRICA”

A douscentos anos do inicio da crise da monarquía española de 1808, é o presente un momento óptimo para promover un congreso que revise o noso estado actual de coñecementos sobre as consecuencias de tan sinalado feito.

Abriuse nese ano -do que celebramos agora bicentenario- a máis importante crise que monarquía europea algunha coñeceu no convulso período que se abriu coa independencia das colonias inglesas en Norteamérica, pasou pola revolución de Francia e chegou ata a revolución española que se produciu en Cádiz e outros lugares da súa moi dilatada xeografía. En torno a 1808 e nos anos inmediatamente seguintes, a crise supuxo a aparición da independencia como instrumento político -exhibida por España fronte ao imperio francés, pero tamén por algúns territorios americanos fronte á monarquía española- e do liberalismo como doutrina e proxecto constitucional.

Todo iso tivo lugar nun escenario, do que este congreso quere ser reflexo, que foi á vez europeo e americano. Si algo caracteriza o momento é xustamente, por un lado, que en España se enquistase o proxecto de expansión imperial napoleónico ao non aceptarse a mediatización dinástica ideada en Baiona e, por outro, que foi en toda a ampla xeografía hispana, a ambos lados do Atlántico, que esta crise repercutiu na formación de poderes territoriais -xuntas- e no seu tránsito cara a congresos que promoven o primeiro constitucionalismo.

Por isto, este congreso está concibido de modo que ofreza unha resposta global á cuestión da relevancia do momento da guerra da Independencia para coñecer as nosas orixes contemporáneas. Afastándose de toda magnificación historiográficamente inxustificada de suxeitos políticos como a nación ou a patria, e intentando analizalos na significación complexa que daquela tiveron estes e outros suxeitos -como os pobos ou a monarquía mesma- o congreso proponse presentar ao público un estado da cuestión de cinco aspectos esenciais deste proceso histórico.

Abrirase cunha conferencia maxistral a cargo do profesor emérito da universidade de California (Berkeley) Tulio Halperin Donghi, na que se repasa a significación atlántica deste momento de crise da monarquía para o xurdimento do liberalismo. Á mesma síguelle unha primeira sesión, con intervencións dos profesores Juan Francisco Fuentes e José Álvarez Junco (ámbolos dous da Universidade Complutense de Madrid), que analizará cómo o liberalismo adquiriu expresión como doutrina e como práctica na España de comezos do século XIX.

Unha segunda sesión estudará a dimensión da crise da monarquía no contexto da guerra da Independencia. Richard Hocquellet (da Ecole de Hautes Etudes en Sciences Sociales de París) e Lluis Ferrán Toledano (Universidade Autónoma de Barcelona) presentarán o estado do debate en torno ao concepto e vixencia historiográfica da “guerra da Independencia”, unha das cuestións máis debatidas ultimamente.

A terceira sesión introducirá a aparición no panorama intelectual e político español, coincidindo coa crise da súa monarquía, dalgúns conceptos básicos do liberalismo e o primeiro constitucionalismo como cidadanía, nación e pobos. Estará a cargo de Manuel Pérez Ledesma (Universidade Autónoma de Madrid) e José M. Portillo (Universidade do País Vasco).

As dúas últimas sesións abrirán o espazo de debate cara a dimensión americana da crise, por unha parte, e ás súas repercusións en Galiza, por outra. Para o primeiro contase con achegas de Marcela Ternavasio (Universidade do Rosario e CONICET, Arxentina) e Marcelo Carmagnani (Universidade de Turín), expertos na área riopratense e novohispana respectivamente onde a crise traduciuse en dúas experiencias diferentes con linguaxes políticas moi similares. Para presentar a experiencia da guerra e a súa relevancia para a historia política e social de Galicia contarase con Manuel de Artaza e Xosé Ramón Barreiro (Universidade de Santiago de Compostela), que pecharán o ciclo de presentacións.

A conferencia de clausura estará a cargo de Jaime del Arenal Fenochio, director da Escola Libre de Dereito de México e actualmente agregado cultural da embaixada en España dos Estados Unidos Mexicanos.

A Cátedra -que foi creada pola Fundación Juana de Vega no Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago, ten entre os seus fins promover o debate, a reflexión, o estudo e a investigación da presenza do pensamento ilustrado e liberal na Galicia contemporánea- coorganiza este congreso coa Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais.

Este congreso inaugura una serie deles, que se celebrarán cada dous anos na Coruña, coincidindo con relevantes acontecementos da historia de España, como o inicio da independencia das colonias americanas ou a promulgación da Constitución de Cádiz. Coa organización destes congresos de máximo nivel internacional, a Cátedra quere contribuír a reforzar a dedicación á causa liberal que caracterizou a vida política da Coruña desde finais do século XVIII.

Oleiros, 23 de xuño de 2008.

A Cátedra Juana de Vega e a Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais (SECC) adscrita ao Ministerio de Cultura, presentaron na sede da Fundación Juana de Vega en Oleiros o Congreso internacional “A guerra da independencia e o primeiro liberalismo en España e America”.