As DOP vitivinícolas de Galicia achegan o 1,9% do PIB e o 2,1% do emprego dos seus territorios

Share

A Fundación Juana de Vega vén de publicar un novo informe sectorial independente no que fai unha “Estimación do impacto socioeconómico das DOP vitivinícolas de Galicia” nos seus territorios, así como no conxunto de Galicia. O informe dá conta da contribución macroeconómica xerada polas explotacións vitícolas e as adegas a través de tres variables: produción, valor engadido bruto (VEB) e emprego facendo fincapé na achega das cinco Denominacións de Orixe Protexidas Vitivinícolas de Galicia (Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras) á economía dos seus respectivos territorios.

Debido á ausencia de datos estatísticos específicos sobre este subsector, o estudo limita os cálculos á viticultura e á industria vitivinícola tomando como referencia máis dunha ducia de fontes autonómicas e nacionais entre os anos 2008 e 2022.

Unha das principais conclusións do estudo da Fundación Juana de Vega é que, globalmente as DOP vitivinícolas de Galicia achegan, de media, o 1,9% do PIB dos seus territorios e o 2,1% do emprego, o que en cifras absolutas supón un valor da produción de 258,4 millóns de euros, un Valor Engadido Bruto (VEB) de 163,9 millóns de euros, e 2.858 postos de traballo directos (o 55% do emprego corresponde á viticultura e o resto, ás adegas).

Informe Impacto DOP Vitivinicolas de Galicia, resumo final

En xeral, o peso económico das cinco DOP nos seus territorios é máis de catro veces superior ao que ten a cadea vitivinícola no conxunto da economía galega (0,40% do VEB). Esta cifra, sinalan desde a Fundación Juana de Vega, non fai máis que confirmar o dato xa coñecido da forte especialización que presentan os cinco territorios e que o peso das actividades ligadas ao viño nestas zonas multiplica case por case 4,5 a media galega.

Peso relativo no PIB comarcal
Na comparativa entre comarcas, as diferenzas son significativas pola oscilación entre o 4% do PIB e o 5,4% do emprego no Ribeiro fronte ao 1,7% do PIB e o 1,4% do emprego nas Rías Baixas.

Nesta última comarca, a pesar de ser con moita diferenza a DOP de maior dimensión económica (xera máis da metade da produción e do VEB das cinco DOP e a metade dos postos de traballo, uns 1.399), hai dous factores internos que explican estas cifras. Primeiro, a inclusión de moitos concellos nos que o viñedo ocupa unha parte moi pequena. Segundo, o maior dinamismo e diversificación da base económica de boa parte do territorio, sobre todo da subzona do Salnés.

Nunha posición intermedia atópanse Monterrei e Valdeorras. En Monterrei, a DOP xera ao redor do 3,3% do PIB e o 2,9% do emprego; e en Valdeorras o 2,6% do PIB e o 3% do emprego. No caso da Ribeira Sacra, o estudo da Fundación Juana de Vega apunta que as estimacións deben tomarse con cautela, posto que indican o peso económico máis baixo das DOP (1,3% do PIB) e en cambio, un notable peso en termos sociais (4,1% do emprego).

Non obstante, os datos analizados destacan que o impacto das DOP na economía comarcal sería moito maior se se tiveran en conta os encadeamentos con outras actividades tales como a provisión de insumos, as relacionadas co transporte, comercialización e distribución final do viño, ou os efectos inducidos sobre a hostalería e o turismo. No detalle, as cifras para cada DOP tamén esconden grandes diferenzas internas xa que hai concellos nos que a dependencia da cadea vitivinícola é moito maior ca noutros.

Tomando como referencia datos do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), e calculando a media no período 2020-2021 para atenuar posibles oscilacións, o valor da produción das cinco DOP vitivinícolas galegas de 258,4 millóns de euros repartiríase así: Rías Baixas achega o 61,6% do total (159,1M€); O Ribeiro, o 12,6% (32,7M€); Ribeira Sacra, o 9,7% (25M€); Valdeorras o 9,3% (23,9M€) e Monterrei, o 6,8% (17,6M€).

En canto á estimación do VEB xerado por cada DOP, nas Rías Baixas sería de 100,9M€; 20,7M€ no Ribeiro; 15,9M€ na Ribeira Sacra; 15,2M€ en Valdeorras e 11,2M€ en Monterrei.

Elevada demanda interna
Para completar a imaxe macroeconómica da cadea vitivinícola, o estudo aborda a produción de viño, a demanda interna e o comercio interrexional e internacional. O feito básico a destacar é que, aínda que a situación tendeu a mellorar na última década, a produción de viño en Galicia é moi inferior á demanda interna, o que orixina unhas elevadas importacións netas. “Isto non é sinalado habitualmente, ao centrar as análises no comercio internacional, pero esta realidade evidénciase cando temos en conta tamén os fluxos interrexionais co resto de España”, sinalan os autores.

Sen dúbida, o dinamismo das Denominacións de Orixe posibilitou un notable crecemento das exportacións de viños de calidade á UE e a terceiros países. Non obstante, esta situación acompáñase dun volume moito maior de compras netas ao resto de España, en boa parte de viños de mesa con menores prezos.

O resultado é un saldo comercial global (sumando o interrexional e o internacional) deficitario. Isto reflicte que a cadea vitivinícola galega só é capaz de cubrir unha parte da demanda interna. “Noutras palabras: o consumo de viño en Galicia multiplica aproximadamente por 1,3 a produción interna”, destacan desde a Fundación Juana de Vega.

A Fundación Juana de Vega analiza neste estudo sectorial o peso das cinco denominacións de orixe no seu ámbito de influencia, así como a contribución da cadea vitivinícola á economía dos seus respectivos territorios. O informe constata ademais que a produción de viño en Galicia é moi inferior á demanda interna aínda que a situación tendeu a mellorar na última década.