Alumnado do CEIP Juana de Vega aprende a coidar os viñedos da man do proxecto europeo ECOSPHEREWINES

Share

A Fundación Juana de Vega, un dos socios galegos de ECOSPHEREWINES, organizou este xoves, 23 de outubro entre as 9:15 e 13:45h unha actividade educativa para fomentar a viticultura sostible no marco do proxecto europeo ECOSPHEREWINES, que lidera desde Galicia para mellorar o capital natural do viñedo e favorecer a súa conservación e xestión sostible.

Persoal técnico da Fundación e da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo visitou ao alumnado de 5º de primaria do CEIP Juana de Vega, localizado nas inmediacións da súa sede, para explicarlle por que é importante conservar a biodiversidade nos viñedos para ter uns ecosistemas sans que beneficien tanto ás persoas como á flora e fauna. “As vides, explicaron, non viven soas. Necesitan do sol, da auga e de todas as plantas, insectos ou paxaros que hai de arredor delas para medrar en condicións óptimas e ter uvas de boa calidade.”

Miniviñedo no cole
A modo de exemplo, para que os case 60 aprendices de biólogos puxesen o seu gran de area, empezaron a xornada construíndo os seus propios niños para paxaros, que levaron para as súas casas. A continuación, nunha parcela do colexio instalaron unha casa niño de maior tamaño e un hotel de insectos e plantaron catro vides de Branca Lexítima cedidas por ECOSPHEREWINES.

A Branca Lexítima é unha variedade ancestral da Indicación Xeográfica Protexida de Betanzos que na última parte da actividade viron en persoa na parcela experimental da adega Pagos de Brigante, en Paderne. Alí volveron axudar a colocar outra casa niño e un hotel de insectos que, igual que no seu miniviñedo escolar, alimentará este ecosistema xunto co bosque comestible, entre outras accións.

Durante a visita, os rapaces tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as chamadas “solucións baseadas na natureza” (SBN) que se están a implementar na parcela. Entre elas destacan o uso de diferentes cubertas vexetais para mellorar a saúde do solo, a recuperación dos socalcos tradicionais de pedra seca e das zonas húmidas —como o bosque de ribeira e a charca da zona— co obxectivo de favorecer a biodiversidade.

Na mesma área estase a facer tamén un bosque comestible, destinado a aproveitar de maneira sostible outros recursos da parcela. Ademais, lévase a cabo a restauración da fonte que dá nome ao lugar, “A Picha”, considerada un ben patrimonial de grande valor na zona.

Antes de despedirse, as técnicas da Fundación Juana de Vega deixáronlles deberes: “Acordádevos de coidar as vides do cole como están facendo aquí. Na primavera poderedes plantar as sementes das pequenas plantas e flores que lles deixamos aos voso profes: romeu, albaca e lavanda, para que outros seres vivos teñan alimento. Cando medren as uvas, poderedes comelas. Nós tamén formamos parte da biodiversidade”.

Que é ECOSPHERWINES?
ECOSPHERWINES é un proxecto europeo que ten por obxectivo mellorar o ecosistema de viñedos situados en zonas de alto valor ecolóxico implementando unha rede de infraestrutura verde. O obxectivo é mellorar a súa conservación, xestión sostible e aumentar a súa resiliencia fronte ao cambio climático. Para abordar este reto, o proxecto apóiase tecnicamente en catro zonas experimentas situadas no sur de Francia e en España-Portugal.

Un total de 13 entidades españolas, francesas e portuguesas traballan baixo a coordinación da Fundación Juana de Vega nesta iniciativa que conta cun orzamento de 1.623.393,25€, cofinanciado nun 75% polo Programa Interreg Sudoe con Fondos FEDER.

Os socios de Galicia, xunto coa Fundación Juana de Vega, son a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, Universidade da Coruña - CICA. Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía, e a adega Pagos de Brigante.