Aberta a inscrición no V Programa de emprendemento agroalimentario da Fundación Juana de Vega

Share

A Coruña, 5 de outubro de 2016

A Fundación Juana de Vega convoca a quinta edición do Programa de Emprendemento Agroalimentario, co obxectivo de axudar aos emprendedores a desenvolver as súas ideas, convertelas en proxectos de negocio e materializalas en empresas reais, innovadoras e competitivas.

A iniciativa vai dirixida a emprendedores, sen limitación de idade ou formación académica, con diferentes proxectos: empresas de nova creación, sucesión e recuperación de empresas e explotacións familiares, posta en valor de activos rurais improdutivos ou posta no mercado de novos produtos ou servizos innovadores. En xeral, no programa, pode participar calquera proxecto individual ou colectivo de carácter innovador que poña en valor os produtos agroalimentarios galegos. Tamén se poden presentar proxectos relacionados co sector forestal e mesmo acuícola, pesqueiro e marisqueiro.

No proceso de selección de candidatos, prestarase especial atención a proxectos que xurdan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que procuren diferenciarse, apoiándose na calidade e na innovación, que teñan unha clara orientación ao mercado e que poñan en valor os recursos do territorio. Nesta edición valoraranse positivamente aquelas iniciativas con produtos agrícolas con Indicación Xeográfica Protexida ou con potencial de obtela a curto prazo.

O programa consta dunha fase inicial na que poderán participar ata un máximo de trinta e dous emprendedores. O obxectivo desta fase é axudar ao maior número posible de persoas a estruturar as súas ideas empresariais, para de entre estes emprendedores, seleccionar as dez mellores ideas con base na actitude e aptitudes do promotor, o tipo de proxecto, a calidade dos produtos ou servizos ofrecidos, o grado de innovación, a orientación ao mercado e a viabilidade económica da iniciativa.

Os dez emprendedores seleccionados comezarán a traballar nas seguintes fases do programa para o que recibirán formación e asesoramento individualizado por parte dunha consultoría especializada, co fin de elaborar un plan de negocio rigoroso, que permita implantar a empresa no mercado coas maiores garantías de éxito posibles. Na última fase do programa, axudaráselles a implantar a empresa no mercado. Para iso recibirán asistencia xurídica, apoio na tramitación de subvencións ou axudas, na captación de recursos financeiros e en calquera outro tipo de necesidade que poida ter o emprendedor para garantir o éxito da iniciativa.

As persoas interesadas en participar no programa, poden facelo a través da páxina web da Fundación Juana de Vega, onde atoparán un formulario co que poderán anotarse ata o 30 de novembro de 2016.

Nesta iniciativa, que se enmarca dentro dos obxectivos da Fundación de mellorar o tecido empresarial agroalimentario galego, fomentando a súa competitividade e produtividade, colaboran a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o Igape, a Caixa Rural Galega e XesGalicia.

Nesta edición valoraranse positivamente aquelas iniciativas con produtos agrícolas con Indicación Xeográfica Protexida ou con potencial de obtela a curto prazo.