A Xunta e a Fundación Juana de Vega plantan mil carballos en Trasmiras no marco do seu proxecto para conservar o patrimonio natural de alto valor xenético

Share

Oleiros, 6 de febreiro de 2018.– A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou onte no concello ourensán de Trasmiras na plantación de 1.000 carballos, no marco dun convenio de colaboración coa Fundación Juana de Vega para a potenciación e mellora do carballo galego. Alí, a conselleira salientou que este tipo de proxectos permiten conservar o patrimonio natural de Galicia e reforzar as variedades autóctonas a través dunha rede de parcelas de alto valor xenético.

Este proxecto, no que traballan o centro de investigación forestal de Lourizán, o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) e a propia Fundación Juana de Vega, ten como finalidade crear unha serie de plantacións de Quercus robur máis variadas que as que existen na actualidade. O seu investimento ascendeu a 120.000 euros, que foron aportados integramente pola Fundación Juana de Vega. Para abordar o proceso estanse reunindo árbores de diferentes procedencias xeográficas da mesma zona climática, co obxectivo de lograr parcelas cun alto valor xenético en terreos propiedade da comunidade autónoma.

Ángeles Vázquez incidiu en que este traballo vai precisamente en consonancia cos puntos marcados na revisión do Plan Forestal de Galicia. Neste senso, sinalou que se pretende aumentar a superficie arborada ocupada por piñeirais e bosques de frondosas caducifolias, de forma que se favorezan sobre todo bosques de especies propias como é o caso dos carballos, fronte á expansión de especies foráneas. A conselleira matizou que é importante favorecer a alternancia, descontinuidade e diversidade da paisaxe forestal galega pero sempre apostando polas variedades autóctonas e contribuíndo á mellora da biodiversidade.

Campos de experimentación

os campos de experimentación onde se leva a cabo este proxecto están localizados en tres predios, propiedade do Banco de Terras, das provincias da Coruña, Lugo e Ourense. No primeiro caso, está no concello de Santa Comba e ten unha extensión de 9.500 metros cadrados; outro no concello lugués de Chantada, cunha superficie de 6.959 metros e, por último, a situada no concello de Trasmiras, con 9.968 metros.

Logo dunha primeira fase onde se levaron a cabo labores de replanteo durante o verán e preparación do terreo no outono, comézase agora coa plantación de exemplares seleccionados previamente en dous viveiros de Lugo e Pontevedra.

A conselleira Ángeles Vázquez participou esta mañá no concello de Trasmiras na plantación de 1.000 carballos, no marco dun convenio de colaboración coa Fundación Juana de Vega

O proxecto, financiado íntegramente pola Fundación Juana de Vega, cunha aportación de 120.000 euros, ten como obxectivo conservar, potenciar e mellorar os recursos xenéticos propios da nosa comunidade, en concreto o carballo galego

Este campo de experimentación súmase aos existentes en Chantada e Santa Comba, parcelas todas elas cedidas no seu día polo Banco de Terras ao Ingacal para o seu estudo e traballo