A Universidade de Vigo acolle a exposición conmemorativa sobre Juana de Vega

Share

A exposición itinerante “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872): Facer no século” pode visitarse todo este mes de xuño no Edificio Redeiras, da Universidade de Vigo. Organizada pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do falecemento da mecenas e filántropa, conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade e a colaboración da Universidade de Vigo, entre máis dunha vintena de institucións, públicas e privadas, que conservaron e catalogaron os fondos que tan xenerosamente Juana de Vega nos legou.

A mostra, que estará aberta desde mañá e ata o 30 de xuño en horario de 9.00 a 21.00h está composta por 20 paneis nos que se plasma a vida e obra de Juana de Vega.

Esta mañá tivo lugar o acto de inauguración, no que participaron o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte; a vicerreitora de extensión universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda Morillo; o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o vogal da Fundación Fermín Penzol, Manuel Meixide.

Próximas estadías
Tras pasar pola Coruña, Santiago e Ourense, durante todo o mes de xuño, a mostra permanecerá aberta no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo. En próximas datas, están previstas estadías en Monforte de Lemos (07-24/08/2023) e Mondoñedo (setembro), vilas natais da nai e do pai de Juana de Vega respectivamente, e en Pontevedra. En territorio nacional, visitará Madrid (Casa de Galicia, 05/12/2023 a 05/01/2024) e Pamplona (Archivo Real y General de Navarra (12/01/2024 a 29/02/2024).

Contido dos paneis
Na exposición, distribuída en 20 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina, e o seu casamento. Tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos. Desde a súa función como aia da Raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados.

A Asociación de Señoras, o Hospital da Caridade, o Asilo da Mendicidade e a Casa da Misericordia son algunhas das institucións que contribúe a crear e, sobre todo, manter. Juana tamén participou activamente nas iniciativas políticas liberais que se deron na cidade herculina e Galicia. Polo seu parladoiro da rúa Real pasaron políticos, xornalistas e intelectuais. Persoeiros como José Pardo Bazán, Vicente Alsina, Hipólito Otero, Montero, Telinge ou Arias Uría atopábanse entre as súas amizades. A súa implicación, sempre informal, no manexo das decisións políticas que afectan aos progresistas herculinos continúa como mínimo ata 1868, mais tamén os seus contactos cos primeiros espadas do partido a nivel estatal, en especial con Salustiano Olózaga.

Foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera, unha das doenzas máis mortíferas do século. Tamén destacou na defensa da memoria do seu defunto marido, preservando o seu legado e protexendo o seu recordo. Juana morre o 22 de xuño de 1872 con 67 anos. Deixa un testamento detallado e sistemático. As súas últimas vontades inclúen o repartimento ben ordenado dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións.

Remata a exposición cunha referencia á Fundación Juana de Vega, que foi constituída por vía testamentaria co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na casa de verán en San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña) e que, a día de hoxe, continúa o seu legado.