A Unión Europea sitúa o proxecto impulsado pola Fundación Juana de Vega para a recuperación das variedades de vide Branco Lexítimo e Agudelo da comarca de Betanzos como modelo para os novos programas de desenvolvemento rural

Share

Oleiros, 27 de febreiro de 2014.- O proxecto de investigación impulsado e financiado pola Fundación Juana de Vega para a recuperación das variedades de vide Branco Lexítimo e Agudelo en Betanzos e a Comarca vén de ser seleccionado pola Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Unión Europea entre máis de trinta proxectos de diferentes países da Unión, como exemplo do establecemento de Grupos Operativos de Innovación no marco da nova programación de desenvolvemento rural para o período 2014-2020.

Os Grupos Operativos de Innovación previstos na reforma da PAC estarán constituídos por distintos axentes sociais (agricultores, entidades non lucrativas, grupos de investigación e/ou empresas) interesados en resolver un problema concreto que afecta aos sectores agroalimentario e forestal, que se poñen de acordo en abordalo e en transferir os coñecementos da investigación ou da innovación. O obxectivo é lograr unha aplicación práctica dos resultados obtidos nun prazo relativamente curto de tempo. Neste senso, os Grupos Operativos de Innovación configúranse como os instrumentos a través dos cales o FEADER vai a apoiar a innovación e a investigación no sector agroalimentario, que adquire unha importancia capital no novo período de programación da PAC. O obxectivo destes grupos é o de acelerar a transferencia dos resultados da investigación e da innovación no sector agroalimentario para lograr unha agricultura competitiva que produza máis con menos recursos e menor impacto ambiental.

O proxecto de investigación que impulsou e financiou a Fundación Juana de Vega uniu a viticultores e adegueiros de Betanzos, ao Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, á Universidade de Santiago de Compostela e tamén aos centros de investigación da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC e a Estación de Viticultura e Enoloxía da Xunta de Galicia (EVEGA), para tratar de recuperar dúas variedades de vide ancestrais de Betanzos: o Branco Lexítimo e o Agudelo. Para iso durante catro anos fixéronse estudos agronómicos, caracterizáronse as variedades mencionadas e realizáronse estudos de rendemento e enolóxicos que permitiron que fosen dadas de alta no rexistro de variedades comerciais do Ministerio de Agricultura en Madrid.

Como consecuencia deste recoñecemento oficial das variedades, os viños elaborados a partir delas poden ser comercializados e etiquetados coa indicación das variedades de vide empregadas na súa elaboración. Isto fixo que adegueiros e viticultores da Comarca apostasen polas variedades realizando novas plantacións de Branco Lexítimo e Agudelo, plantacións que tamén se están a realizar noutras zonas vitícolas de Galicia por mor da alta calidade e o elevado potencial para a elaboración de viños de calidade diferenciada a partir das mesmas.

O proxecto de investigación preséntase hoxe en Lisboa no Workshop ?Establishing Operational Groups under Rural Development Programmes? que, organizado pola Comisión Europea, reúne ás autoridades de xestión dos programas de desenvolvemento rural de Portugal, España, Grecia, Chipre e Malta.

A Dirección Xeral de Agricultura da UE vén de seleccionar o proxecto de investigación desenvolvido para recuperar estas variedades ancestrais e permitir a súa comercialización como exemplo dos Grupos Operativos de Innovación a implantar no período 2014-2020

O proxecto preséntase hoxe en Lisboa no Workshop “Establishing Operational Groups under Rural Development Programmes”, organizado pola Comisión Europea, que reúne ás autoridades de xestión dos programas de desenvolvemento rural de Portugal, España, Grecia, Chipre e Malta