A Reserva da Biosfera do río Eo articulará medidas contra o feísmo

Share

A Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón comeza a dar os seus froitos aos 14 concellos que a forman. Onte, a directiva da asociación de municipios que a integran reuniuse en Madrid co director xeral de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, Jesús Casas, e comprobou que non só hai dous millóns de euros para acometer actuacións este ano senón que tamén hai o propósito de prolongar esta liña de axudas nos próximos anos. A directiva pretendía destinar o groso do investimento a implantar a banda ancha, pero onte abríronse outras posibilidades para diversificar o investimento, como melloras de impacto paisaxístico ou contribuír a subvencionar determinadas actuacións que eviten o feísmo urbanístico.

Todo iso debe plasmarse nun programa de desenvolvemento rural sostible no que os alcaldes se porán a traballar de inmediato. Para iso preténdese convocar unha reunión a próxima semana, para en febreiro telo deseñado e regresar a Madrid a obter o visto e prace definitivo. Despois elaborarase un convenio específico onde figure o destino definitivo dos dous millóns de euros a investir este ano. O Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino consignou unha subvención nominativa de dous millóns de euros, incluídos no orzamento de gastos para 2010, destinado aos municipios da reserva da biosfera.

Deste xeito pásase páxina a unha longa serie de incumprimentos, con actuacións que si xa parece que se van facer realidade. Atrás quedan declaracións dos gobernos galego e asturianos pouco menos que pintorescas para intentar dar certo crédito á reserva, como dicir que a nova depuradora de Ribadeo -que a UE obriga a executar- incluíase nela. Tamén está pendente de executar outro anuncio que fixo a Xunta no seu día, coa firma dun convenio incluída, de investir 1,2 millóns de euros na Pontenova no centro de interpretación do río Eo.

Onte en Madrid estiveron os alcaldes de Ribadeo, Trabada, Taramundi e Castropol, ademais do tenente de alcalde de Vegadeo, Juan Santiago, que preside a asociación. Ao concluír a reunión o rexedor ribadense, o nacionalista Fernando Suárez, facía unha valoración moi positiva, comparando a liña de axudas cun novo Leader.

Fuente: La Voz de Galicia

O Ministerio de Medio Ambiente confirmou onte que este ano financiará actuacións por valor de dous millóns