José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, foi un dos relatores convidados á VIII Reunión Casal de Armán do Foro Económico de Galicia que tivo lugar o xoves, 27 de xuño no Consello Económico e Social (CES) en Santiago de Compostela. Durente a xornada, expertos de distintos ámbitos, analizaron os retos e oportunidades que se presentan para a incorporación de mozos ao agro galego. Para dar unha visión en primeira persoa, tamén se presentaron experiencias de produtores que recentemente se incorporaron á actividade agrogandeira.
Na súa intervención, Andrade Calvo expuxo as oportunidades para a remuda xeracional nas principais producións agrarias de Galicia, tamén as barreiras, e detallou os programas de apoio ao emprendemento, así como outros instrumentos que poden axudar na remuda xeracional, vista como outra forma de emprender.
Despois de facer unha radiografía dos sectores lácteo, cárnico, hortícola, planta ornamental, apícola ou servizos agroforestais para valorar as potencialidades de cada un, Andrade Calvo destacou os cinco motivos polos que, desde o seu punto de vista, a remuda xeracional no sector agrario "é unha boa oportunidade para emprender".
En primeiro lugar, subraiou que o medio rural está fortemente subvencionado pola PAC, o que non acontece noutros sectores produtivos. Mencionou despois a existencia de terra abandonada, pero apta para traballar e os instrumentos contemplados na Lei de recuperación da terra agraria da Xunta de Galicia para poder acceder a ela. En terceiro lugar, valorou as oportunidades existentes no agro vinculadas cunha maior profesionalización e, xa por último, destacou que "non é máis difícil emprender que noutras actividades económicas" xa que as dificultades son case as mesmas.
Para finalizar, recordou que o Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias (PAEA) da Fundación Juana de Vega, único en Galicia na súa categoría e que xa vai pola décimo segunda edición, leva axudado a máis de cen empresas e emprendedores desde 2012. Tamén enumerou outras politicas públicas para fomentar o emprendemento e a remuda na comunidade.