A Fundación Juana de Vega organiza unha xornada para estudar fórmulas de redución de custos nas explotacións gandeiras de vacún

Share

Oleiros, 27 de xuño de 2012.- O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), acollerá o venres, 29 de xuño, unha xornada na que se analizará a importancia dos pastos e a produción de forraxes dentro das propias explotacións gandeiras para reducir a dependencia exterior de alimentación animal, reducir os custos nas explotacións de vacún e ao mesmo tempo obter uns produtos diferenciados no mercado pola súa calidade, por ser mais mais saudables e mediombientalmente mais sostibles. O obxectivo deste encontro é transferir ao sector gandeiro galego os resultados das investigacións que durante anos leva realizando o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo sobre alimentación animal con base a pastos e forraxes que permiten establecer novas fórmulas de xestión e aproveitamento de terras para a produción de alimentos para o gando. Trátase en definitiva de aproveitar ao máximo as potencialidades do sector, poñendo en produción terras abandonadas co fin de acadar o maior aforro económico posible nas explotacións, reducindo a importación de materias primas cada vez mais caras para a elaboración de pensos. Este feito reviste especial importancia no caso do sector leiteiro xa que a situación actual de baixos prezos de venda do leite unido aos altos custos das materias primas de alimentación animal, están debilitando un sector estratéxico para Galicia formado por un pouco mais de 12.000 explotacións e que xeran unha facturación superior aos 700 millóns de euros anuais no rural de Galicia.

A importancia desta xornada para os gandeiros galegos ven avalada pola presenza da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que presidirá a clausura deste encontro. Tamén participarán o director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Unión Europea, José Manuel Silva Rodríguez, así como o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Juan Fernando Castro Insua o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, que acompañará á conselleira na clausura, e o director desta entidade, José Manuel Andrade Calvo.

Na organización destas xornadas participan a Fundación Juana de Vega e o CIAM, organismo dependente do Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL) da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta da Galicia. Colaboran tamén empresas do sector como Leyma, Feiraco, a Cooperativa Os Irmandiños, Progando e a Cooperativa Perpetuo Socorro de Arzúa.

A xornada será inaugurada ás 10.30 horas polos xa mencionados directores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e da Fundación Juana de Vega; e ás 11.00 horas dará comezo a primeira das sesións, que serán ofrecidas por expertos e investigadores do CIAM como César Resch Zafra, Juan Piñeiro Andión ou Gonzalo Flores Calvete. Abordaranse cuestións como a potencialidade de Galicia na produción de leite, a importancia das praderías, así como o seu uso, evolución e tendencias; a produción de carne con base en forraxes ou a produción de leite de calidade diferenciada sobre a base de sistemas forraxeiros.

A sesión da tarde estará protagonizada polo director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Unión Europea, que ofrecerá unha ponencia sobre a importancia das forraxes, as políticas agrícolas e a investigación. Finalmente, o acto de clausura presidido pola conselleira Rosa Quintana terá lugar ás 17.15 horas.

A necesidade de mellorar as marxes das explotacións de vacún de leite e carne é clave para este sector estratéxico para Galicia, e así o avala a Conselleira do Medio Rural e do Mar, que clausurará a xornada

O encontro, no que colaboran algunhas das empresas máis destacadas do sector, celebrarase o venres 29 de xuño no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

As sesións centraranse na importancia que teñen os pastos e as forraxes para a sostibilidade económica e medioambiental das explotacións, e para que o sector agroinduistrial de vacún galego poda competir no mercado con produtos de calidade diferenciada.