O pasado domingo 6 de agosto, a Fundación Juana de Vega foi distinguida co galardón Albariñense de Honra outorgado pola confraría do Capítulo Serenísimo da Orden do Albariño de Cambados (Pontevedra). O acto tivo lugar durante a xornada final da LXXI Festa do Albariño 2023, durante a investidura de Donas e Cabaleiros do Albariño no patio de Armas do Pazo de Fefiñáns.

José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación, foi o encargado de recoller esta distinción que pon en valor o traballo realizado a prol do desenvolvemento rural de Galicia desde hai 150 anos. Tal e como se resumía na crónica publicada no xornal Diario de Arousa do día seguinte: "... a Fundación Juana de Vega, á que lle outorgaron o Albariñense de Honra polo seu labor 'eficaz, vanguardista e o seu compromiso con Galicia".
Andrade Calvo destacou que, para a Fundación Juana de Vega, esta distinción é unha honra que contribúe "a visibilizar o noso traballo e seguir facendo do rural galego un espazo para medrar e emprender". Tamén felicitou ao Capítulo Serenísimo da Orde do Albariño pola promoción e difusión constante e intensa da cultura do viño albariño.
Hai máis de 150 anos que a mecenas e filántropa Juana de Vega deixou encomendado no seu testamento a creación dunha escola teórico-práctica de agricultura na súa casa de verán en San Pedro de Nós, no Concello de Oleiros. Desde entón, o cometido da Fundación foi evolucionando e adaptándose ao seu tempo. Actualmente, a entidade está centrada en catro áreas estratéxicas: apoio ao sector agroalimentario, a innovación e investigación, a Escola Galega da Paisaxe e a Cátedra Juana de Vega.
Estratexia sectorial
No caso concreto da colaboración mantida co sector vitivinícola de Galicia, esta distinción de Albariñense de Honra reflicte o compromiso da Fundación Juana de Vega cun sector produtivo esencial para a economía galega, tal e como queda patente nos varios estudos e informes sectoriais editados, así como na "Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia", executada en colaboración coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.
Por unha banda, esta folla de ruta ten como obxectivo mellorar o posicionamento competitivo do sector vitivinícola galego tanto nos mercados nacionais como internacionais. Pola outra, demostra a súa capacidade para xerar emprego de calidade e riqueza no seu territorio e área de influencia como se pode comprobar cada ano na comarca das Rías Baixas e en Cambados, en particular.
Vilas en Flor Galicia
O director da Fundación Juana de Vega non quixo esquecer o vínculo existente co municipio de Cambados a través do Certame Vilas en Flor Galicia, o programa para impulsar a mellora integral do territorio e a paisaxe de Galicia en concellos de menos de 40.000 habitantes apoiado e coordinado pola entidade. As 3 Flores de Honra recibidas por Cambados na pasada edición 2022 dan conta do seu compromiso con este obxectivo.