A Fundación Juana de Vega e a Fundación González Ferreiro de Allariz puxeron en marcha un innovador proxecto que podería simplificar a xestión da gandería en extensivo: o pastoreo virtual. Esta iniciativa é un dos resultados do convenio de colaboración firmado por ambas entidades a finais de 2023.
O pastoreo virtual consiste no uso duns xeolocalizadores que levan os animais a modo de colar. Previamente, desde un dispositivo móbil, un xestor crea uns cercados virtuais de dimensións variables que os animais non poden traspasar. De facelo, o colar emite un primeiro aviso acústico, e de pasar o límite establecido, xera un segundo impulso eléctrico similar ao dun pastor tradicional.
As primeiras probas para acostumar e adestrar aos animais fíxeronse cun rabaño dunhas 20 cabras da Granxa Educativa Agrogandeira (O Rexo) ás que se lles colocou o xeolocalizador.

A experiencia foi moi positiva xa que o rabaño só precisou de entre tres e catro días de aprendizaxe. Ademais do primeiro pitido de aviso e o segundo de impulso eléctrico, inflúe que as cabras son moi gremiais, explican desde O Rexo. "Ao estar sempre agrupadas en rabaños, se unha pasa, pero o resto non a acompaña, acaba volvendo", sinalan.
Varias son as vantaxes do pastoreo virtual. Por unha banda, este sistema baseado nas TIC permitiría un cambio estructural na vixiancia da gandeiría en extensivo ao reducir a necesidade continúa dunha persoa física para controlar e vixiar aos antimais.
Pola outra, facilita a práctica da gandeiría rexenerativa xa que un dos problemas máis comúns da permanencia das cabras no monte é que, se están moito tempo no mesmo lugar, arrasan coa vexetación. Neste sentido, grazas á posibilidade de mover os cercados virtuais en remoto e de forma estratéxica, é posible facer un pastoreo rotativo máis sinxelo cunha perspectiva ecolóxica e medioambiental para rexeneración do monte ou aproveitamento de terras abandonadas, apuntan desde O Rexo.
Ata finais de 2026
A Fundación Juana de Vega e a Fundación Ramón González Ferreiro firmaron en novembro de 2023 un convenio de colaboración de tres anos para a creación e promoción de novas oportunidades para o medio rural galego a través da Ecoespazo O Rexo e Granxa Educativa Agrogandeira, situados ambos na Reserva da Biosfera Área de Allariz xestionada pola Fundación Ramón González Ferreiro.
O acordo entre as dúas entidades artéllase a través de tres eixos: prestación de asesoramento para o fomento do emprendemento, desenvolvemento de accións para a mobilización de terras abandonadas e formación especializada para o sector agroalimentario.
Ademais deste proxecto de pastoreo virtual, o a granxa O Rexo foi unha das entidades participantes no XII Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega (edición 2024) promovido pola Fundación Juana de Vega.