Oleiros, 27 de xullo de 2017.- A Fundación Juana de Vega asinou esta mañá en Santiago un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural para a conservación da biodiversidade xenética agraria de Galicia. Na sinatura, estiveron presentes o presidente da Fundación, Enrique Sáez, e a conselleira, Ángeles Vázquez. O acordo servirá para a caracterizar e recuperar variedades vexetais autóctonas de interese agrario da comunidade, como é o caso das variedades de horta, de vide, millo e outros cereais, ademais de castiñeiros e carballos; inscribir estas variedades nos rexistros oficiais do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e subministrar material certificado das variedades obxecto de estudo a produtores e viveiristas.
O orzamento do convenio é de 445.499 euros que abonará nun 60% a consellería a través do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) e nun 40% a fundación e ten como destino a contratación de persoal. En concreto, seleccionaranse seis traballadores con perfil de técnico ou persoal de campo dende este ano ata 2020. Así, no primeiro caso faranse contratacións ata o final do convenio e no segundo faranse contratos ata o 2019. Pero ademais, este acordo permitirá mobilizar fondos por valor de ata 1 millón de euros procedentes do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia para poñer en marcha este proxecto que busca conservar as variedades tradicionais dos nosas producións e, en último caso, facelas chegar ao sector como material vexetal certificado.

Así poderanse realizar traballos de conservación e multiplicación dos recursos fitoxenéticos que se gardan nos centros dependentes de Medio Rural como o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) co millo, trigo, centeo e produtos da horta; o Centro de Investigación Forestal de Lourizán cos castiñeiros e carballos e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) cos diferentes tipos de vides. Ademais, solicitarase a inclusión destas variedades no rexistro de castes comerciais ou conservación e elaborarase un libro en formato electrónico para caracteres agronómicos e a transferencia de material vexetal de base a produtores e viveiristas inscritos no rexistro de produtores de sementes e plantas de viveiro.
A Fundación Juana de Vega ten como principal obxectivo afondar na investigación e a formación en Este non é o único convenio que a Consellería do Medio Rural ten con esta fundación, xa está vixente unha colaboración, para a implantación de rodais selectos mellorados de carballo en terreos de titularidade da comunidade autónoma, proxecto no que tamén colabora o Banco de Terras poñendo a disposición do Ingacal varias parcelas para a plantación destas árbores que se levará a cabo nos meses de inverno. Outras colaboracións mantidas coa Consellería son as relativas á creación do Observatorio da Mobilidade de Terras de Galicia ou o desenvolvemento conxunto dun proxecto piloto de mobilización produtiva de terras no Val de Lemos.