A exportación do viño galego medrou cinco veces máis que no resto de España

Share

Oleiros, 24 de novembro de 2010.- É un feito que Galicia produce viños de calidade, e que esa calidade asociase tradicionalmente con viños brancos, aínda que non resulta raro atopar viños tintos de Ribeira Sacra ou Monterrei con máis de 90 puntos Parker. A gran oportunidade do sector na actual situación económica é a internacionalización dos seus produtos, non en vano, mentres a comercialización de outros produtos languidece atrapada pola actual crise económica, a exportación de viño galego crece cinco veces máis que no resto de España, en unha tendencia que continúa crecendo ano tras ano. Así o lembra José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, unha entidade que quere reunir en Santiago de Compostela aos máximos representantes das adegas galegas, así como dos cinco consellos reguladores das denominacións de orixe da comunidade co fin de realizar unha posta en común en torno aos desafíos aos que se enfronta un sector moi importante da agroindustria galega.

Trátase das IV Xornadas de Comercialización Agroalimentaria centradas no estudo das tendencias e oportunidades na comercialización do viño, que serán inauguradas o venres polo Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, no hotel “Puerta del Camino”. Desde as principais adegas, así como outras emerxentes que están comezando o seu camiño, ata centros de investigación ou Consellos Reguladores estarán representados neste encontro, que contará coa presenza de prestixiosos expertos internacionais e adegueiros como Carlos Falcó, Marqués de Griñón.

Estas xornadas constituirán un punto de encontro para que directivos e técnicos de adegas e empresas vitivinícolas poidan debater acerca da situación actual do sector e as estratexias a adoptar no ámbito da comercialización do viño. Dese xeito, prestarase especial atención á evolución e tendencias do consumidor tanto a nivel nacional como internacional, estudarase como posicionar un viño de calidade a través da estratexia de marca, avaliarase a oportunidade que representan as novas tecnoloxías da información e comunicación ao servizo do marketing relacional e da comercialización. Un dos aspectos máis importantes deste encontro será a procura de estratexias ante os retos que deben afrontar as empresas galegas no proceso de internacionalización, analizando casos de éxito e as mellores prácticas do sector. E é que Galicia ten vocación exportadora, como recorda José Manuel Andrade, para engadir que “este feito ponse de manifesto tamén para o caso do viño, xa que algunhas adegas exportan máis do 25% da súa produción”. Por poñer un exemplo, só no primeiro trimestre deste ano as exportacións de viño galego a México creceron un 150% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

As xornadas, coordinadas por Laurentino Bello e Antonio Ramos, están dirixidas a xerentes, directores, responsables e propietarios de adegas, así como directores comerciais e de marketing ou exportación, abrindo a porta tamén á participación de calquera persoa interesada na problemática do sector.

As xornadas comezarán o venres 26 de novembro ás 9.30 horas no hotel “Puerta del Camino” de Santiago de Compostela. Trala inauguración abordarase a primeira sesión de traballo, centrada na análise da situación, profundizando no presente e o futuro do sector. A primeira conferencia versará sobre o mundo dos consumidores de viños de calidade, contando para elo coa intervención do director de operacións de Wine Intelligence, Richard Halstead, que ofrecerá información sobre evolución de tendencias, consumos e características dos consumidores para diferentes países aos que se dirixen os viños galegos así como doutros países que van a ser os retos inmediatos como Brasil, China e Rusia.

A continuación celebrarase unha ponencia na que Michel Bourqui, fundador e delegado da Asociación Universitaria Internacional da Viña e o Vino, ofrecerá as súas reflexións sobre o sector internacional do viño e os seus retos, desde a perspectiva da industria do viño.

A sesión matutina concluirá cunha conferencia do director xeral do Observatorio do Mercado do Viño Español, Rafael del Rey Salgado, sobre a evolución de tendencias e consumos do viño no mercado español, así como as estratexias que está adoptando a industria nacional.

Xa pola tarde, a sesión centrarase nas estratexias de comercialización e estará moderada por Agustín Ruiz Vega, catedrático de Marketing da Universidad de La Rioja. O primeiro ponente será Julio Cerviño, consultor e profesor de Comercialización e Investigación de mercados na Universidade Carlos III, que abordará a xestión estratéxica da marca no mundo do viño. A continuación intervirá Jesús Rebollo González, director de Márketing Internacional de Lavinia, que disertará sobre marketing relacional. Por último, pechará estas sesións Carlos Falcó, marqués de Griñón, que impartirá a conferencia de clausura expoñendo as súas experiencias como adegueiro.

Os desafíos na comercialización deste produto en alza pese á actual crise económica centrarán as xornadas que reunirán o venres en Santiago aos máximos representantes das adegas galegas

O encontro, organizado pola Fundación Juana de Vega, contará coa participación de prestixiosos expertos, entre eles o empresario e adegueiro Carlos Falcó, marqués de Griñón

Entre outros temas abordaranse os hábitos de consumo nos países aos que se dirixen os viños galegos, a exploración de novos mercados como Brasil, China e Rusia ou as estratexias que está adoptando a industria