Oleiros, 27 de xaneiro de 2014.- A conselleira o Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe na sede da Fundación Juana de Vega á reunión de seguimento do convenio asinado con esta entidade e coa Universidade de Santiago para mellorar o coñecemento da mobilidade de terras agrarias. No transcurso do encontro, Quintana salientou que a mobilidade de terras é fundamental para o agro galego e constitúe un elemento esencial para o redimensionamento das explotacións, na procura de aumentar a súa base territorial. Neste sentido o Presidente da Fundación, Enrique Sáez, incidiu en que a escasa base territorial das explotacións leiteiras en Galicia, limita a súa competitividade e fainas moi vulnerables á volatilidade dos insumos a nivel internacional, por ese motivo, sinala, é preciso mobilizar terra abandonada e poñela ao servizo das explotacións agrícolas e gandeiras que a precisan.
Os tres organismos citados están a colaborar no proxecto “Propiedade, mobilidade da terra e valorización territorial“. O obxectivo final desta iniciativa é crear un observatorio que identifique a problemática do mercado da terra en Galicia, así como as súas posibles solucións, para que permita redimensionar as explotacións a través do aumento da súa base territorial. Neste senso ?como destacou a conselleira?, o uso da terra agraria é imprescindible para a solvencia do agro galego e débense tomar decisións que se encamiñen a mellorar o entorno económico, social e ?sobre todo? legal que permita o aproveitamento deste recurso.
O proxecto -que se desenvolve durante os anos 2013 e 2014- consiste na mellora do Sistema de Terras de Galicia (SITEGAL) para facilitar o seguimento do comportamento de variables en canto á mobilidade de terras en Galicia. Deste xeito, integraríase toda esa información e funcionalidades na plataforma SITEGAL, de tal maneira que se convirta nunha infraestrutura tecnolóxica de referencia sobre mercados e mobilidade de terras en Galicia, cunha utilidade potencial estratéxica para o sector público e o privado.
A conselleira destacou que a creación deste observatorio -que conta cun investimento total de 201.390 euros- é pioneira en Galicia e no resto de España.