O proceso de dixitalización da cadea de valor da produción cárnica de IGP Ternera Gallega a través do grupo operativo autonómico DIXITEGA continuou este verán coa realización dun proceso participativo durante o que se consultou a súa opinión a unha mostra de responsables da produción, fabricantes de penso, industria cárnica, distribución ou entidades de asesoramento. A maiores, a Indicación Xeográfica Protexida compartiu un cuestionario en liña entre os seus máis de 2.000 asociados para recoller as súas impresións sobre temas estratéxicos.
A análise das respostas determinou varios dos aspectos críticos que deben impulsar o éxito do sector de IGP Ternera Gallega. Neste sentido, os consultados destacaron a necesidade de contar cunha plataforma TIC de datos sólida e flexible que combine fontes de datos nacionais e internacionais. “A recepción positiva da plataforma e o seu valor potencial para mellorar a eficiencia do sector debería impulsar un maior desenvolvemento”, sinalan desde a Fundación Juana de Vega, entidade coordinadora do Grupo Operativo DIXITEGA e responsable do proceso de participación.
Os resultados desta consulta tamén proporcionaron información de valor para acompañar a evolución e crecemento do sector xa que, continúan, “estes datos son unha excelente guía para fundamentar futuras tomas de decisións que impulsen o crecemento e a competitividade nesta industria”.
Análisis das conclusións
As temáticas identificadas polos informantes como “críticas” para mellorar a eficiencia e a produtividade deste sector cárnico englóbanse en tres categorías correspondentes aos prezos das materias primas para elaboración de pensos, ao custo das reses nas lonxas do estado e os datos de consumo da poboación. Outros temas notables para a cadea de valor son a saúde animal, as oportunidades de capacitación, os prezos de distribución de carne ou a nutrición de tenreiros.
A consulta constatou tamén que existe un interese común de información especializada como, por exemplo, o desenvolvemento dun sistema preditivo para estimar a subministración de carne e animais no mercado para os meses seguintes.
Ata o de agora, as principais fontes de referencia empregadas son a táboa de prezos de Ternera Gallega, os mercados de Binéfar (Huesca) e Mercolleida (Lleida). Aínda que a maioría dos actores non consultan fontes internacionais, recoñecen a súa importancia para a toma de decisións.
En canto á frecuencia de actualización de datos na futura aplicación TIC, a mostra aconsella desde a renovación semanal dos prezos do gando e dos custos dos cereais ata a actualización mensual do custo dos diferentes cortes de carne.
Para aproveitar ao máximo o potencial da nova ferramenta dixital, os entrevistados suxiren utilizar a plataforma como medio de comunicación para difundir eventos, subvencións, lexislación, alertas sanitarias ou promover actividades de capacitación.
Tras detectar e analizar estas necesidades, este outono dará comezo a terceira fase de traballo para crear e testear a plataforma tecnolóxica DIXITEGA, que será presentada a finais de 2024. O obxectivo final desta ferramenta TIC será facilitar o acceso e manexo conxunto de fontes públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da IGP Ternera Gallega dunha forma concisa, contrastada e visual que mellore a toma de decisións.
En paralelo ao desenvolvemento da aplicación, organizaranse xornadas de formación para aprender a usar a plataforma, consolidar o seu uso entre os socios e mostrar como trasladar novos datos que a manteñan actualizada.
DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadores), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IGPs de Carne de Vacuno de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). AS entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH Datalife.
Función dos grupos operativos
O proxecto DIXITEGA articúlase a través dun grupo operativo da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Os Grupos Operativos están constituídos por un conxunto de axentes con distintos perfís vinculados ao medio rural que se unen para desenvolver e executar un proxecto innovador dirixido a atopar unha solución a un problema compartido ou para probar e poñer en práctica unha idea innovadora relacionada con algún sector en concreto do medio rural (agricultura, gandería, forestal, etc.).