A cadea de valor da madeira chega a un consenso para o sector forestal de Galicia

Share

Santiago, 14 de maio de 2018.– As asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos e da industria de primeira e segunda transformación, que conforman a cadea de valor da madeira, convocadas pola Fundación Juana de Vega e tras meses de reunións de traballo nas que se debateron e intercambiaron ideas, presentaron esta mañá as propostas de consenso para o sector forestal de Galicia nun acto celebrado na Cidade da Cultura e que contou con representantes de todas as asociacións da cadea, así como membros da sociedade civil, das universidades, da política e de entidades ecoloxistas.

Partindo das problemáticas actuais que presenta a sustentabilidade do monte na súa tripla vertente económica, social e medioambiental, orixinadas, entre outras causas polo despoboamento do rural e o abandono do territorio e as condicións climáticas e edafolóxicas, establecéronse unha serie de propostas que pretenden reverter esta situación. As propostas están orientadas a superar a excesiva fragmentación da propiedade, simplificar a normativa que afecta á xestión do monte, diversificar a produción forestal, avanzar nos procesos de ordenación e certificación forestal e camiñar con paso firme cara a bioeconomía como motor de desenvolvemento futuro e xerador de riqueza nos espazos rurais, entre outras.

Os axentes implicados acadaron unha serie de puntos de consenso cos que pretenden abrir novos camiños para o desenvolvemento do sector e servir de orientación ás políticas públicas para a ordenación e a xestión forestal, nas que deben primar unha visión a longo prazo. O medioambiente e o sector forestal precisan dunha estabilidade que perviva nos anos e nas xeracións.

Propostas de consenso xa aprobadas

O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o presidente do Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, José Manuel Iglesias, foron os encargados de facer públicas as propostas de consenso para o sector forestal de Galicia ante os representantes das diferentes entidades e axentes que participaron neste proceso.

O documento reflicte a realidade do sector forestal galego e recolle as súas demandas e necesidades. Con el preténdese establecer un punto de partida que permita posicionar ao sector forestal no lugar que lle corresponde.

As liñas de consenso acadadas, resúmense en oito grandes puntos que pretenden ser comprendidos e tidos en conta tanto pola Administración como polo conxunto da sociedade. Cada un destes puntos atópase desenvolvido nun documento final.

  • O futuro do medio rural dependerá da súa capacidade de xerar valor e do seu recoñecemento social
  • Sustentabilidade social, ambiental e económica. Cómpre rachar coa dicotomía medioambiente/produción
  • É fundamental superar os problemas do abandono do rural.
  • Potenciación de actuacións de base colectiva e comunitaria que permitan superar os problemas de minifundio e impulso da certificación forestal.
  • Simplificación e clarificación da normativa vixente, cun marco claro e a longo prazo na ordenación xeral do territorio.
  • Concienciación social sobre os valores do monte.
  • Formación e innovación ao longo de toda a cadea de valor para mellorar a competitividade.
  • O sector forestal debe promover a biodiversidade e o deseño de produto e avanzar cara a bioeconomía para xerar valor sostible a longo prazo.

A cadea de valor da madeira quere destacar o esforzo realizado por todos os participantes nestas reunións, demostrando a súa boa disposición para chegar a este consenso. Coas propostas acordadas, os participantes desexan que se vele polo futuro do sector forestal e insta aos partidos políticos a actuar coas miras postas a longo prazo.

N.B.- Achégase documento completo e desenvolvido das propostas de consenso:

Descarga aquí as Propostas de consenso.

Trala celebración de varias reunións dende o pasado ano e convocadas pola Fundación Juana de Vega, os diferentes axentes do sector e da sociedade civil alcanzan un consenso que se reflicte nunhas regras compartidas para favorecer o desenvolvemento do sector forestal en Galicia.