Unha mostra da Cátedra Juana de Vega rescata a memoria das mulleres que sostiveron o abastecemento e o pulso económico das vilas e cidades galegas

Share

A Cátedra Juana de Vega da USC da Fundación Juan de Vega inaugurou o mércores 18 no claustro alto do Colexio de Fonseca a exposición "Mulleres e comercio na Galicia, séculos XIX e XX", que reivindica o legado das mulleres como motor económico e social. A través de paneis, fotografías históricas, documentos de arquivo, materiais sonoros e referencias literarias ofrece unha ampla visión do papel feminino no comercio tradicional.

Na apertura participaron o presidente da Fundación, Enrique Sáez, a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; a directora da Cátedra e comisaria da mostra, Luisa Muñoz, ademais de parte do equipo de investigación, no que destaca a documentalista autora dos textos, Marta Alija.

O proxecto rescata a memoria das mulleres que, durante xeracións, sostiveron o abastecemento e o pulso económico das vilas e cidades galegas. O percorrido da mostra integra o traballo das vendedoras que aseguraban cada día o abastecemento urbano desde os mercados de abastos e prazas públicas; o dinamismo das vendedoras ambulantes e dos postos fixos que configuraron a paisaxe comercial das rúas; a vitalidade das feiras como grandes espazos de intercambio económico, socialización e tradición; e o avance das mulleres como titulares de negocios urbanos —desde mercerías e quincallerías ata sombrererías, bazares ou establecementos de distribución máis complexos— nun contexto no que o seu labor quedou con frecuencia invisibilizado. Este diálogo entre pasado e presente complétase cunha mirada contemporánea ao comercio feminino, destacando a continuidade de negocios hoxe emblemáticos rexentados por mulleres que manteñen vivo un modelo baseado na proximidade, no coidado polo produto e nun tecido social que reforza a identidade das cidades e vilas galegas.

Tal como sinala Luisa Muñoz Abeledo, comisaria da mostra e directora da Cátedra Juana de Vega, “esta exposición é un exercicio de xustiza histórica e unha oportunidade para recoñecer o traballo das mulleres que sustentaron, de forma silenciosa pero decisiva, a vida comercial e comunitaria do país”. Un recoñecemento que conecta directamente co legado de Juana de Vega, muller ilustrada que dedicou a súa vida ao progreso social, á formación e á creación de oportunidades, especialmente para aqueles colectivos —como as mulleres do rural— con menos voz na historia oficial.

A mostra, que pode visitarse ata o 30 de abril, inscríbese na liña estratéxica da Cátedra Juana de Vega para fortalecer o coñecemento da realidade social galega, promover a igualdade de oportunidades no medio rural e urbano, e fomentar unha economía sostible baseada no territorio, principios profundamente vinculados coa figura de Juana de Vega.