O COUTO FLORIDO | Accións para a mellora paisaxística e cultural da aldea do Couto

A Fundación Juana de Vega impulsa, xunto coa Fundación Eduardo Pondal e co apoio do Instituto de Estudos do Territorio (IET), o proxecto "O Couto Florido", unha iniciativa de revitalización paisaxística e ecolóxica do núcleo rural do Couto, en Ponteceso (A Coruña). A proposta nace coa vontade de activar procesos de transformación sostible e participativa que poñan en valor a identidade local, a paisaxe e os saberes da comunidade.

Un proxecto inspirado nos valores da Nova Bauhaus Europea
O proxecto toma como referentes os principios da Nova Bauhaus Europea —beleza, sustentabilidade e inclusión— e aplica unha metodoloxía baseada na diagnose participativa, a intervención a pequena escala e a activación cidadá. Desde o inicio, "O Couto Florido" enténdese como unha oportunidade para combinar arte, natureza e coidado do común, implicando a veciñanza no deseño e execución das propostas, e promovendo unha nova sensibilidade sobre o valor cultural, ecolóxico e social da paisaxe rural.

Tres fases e algunhas sorpresas...

Fase 1 | Sementes: diagnose participativa da paisaxe e das necesidades locais
A primeira fase do proxecto centrouse na exploración do territorio e na activación do diálogo coa comunidade. A través dunha xornada aberta desenvolvida en abril de 2024, máis de 50 participantes identificaron colectivamente valores e problemáticas na aldea e formularon propostas de mellora. Esta diagnose baseouse na cartografía emocional, o intercambio interxeracional e a valorización dos saberes locais, nun ambiente de creatividade e reflexión compartida.

Fase 2 | Maio Florido: intervencións artísticas e ecolóxicas con dimensión social
A segunda fase centrouse na execución das propostas seleccionadas e traballadas tecnicamente por paisaxistas, combinando criterios de sostibilidade, identidade e economía de proximidade.

  • Contouse coa colaboración do obradoiro Feituras, dos oleiros de Buño, que deseñaron macetas cerámicas personalizadas co logotipo do proxecto.
  • Os maceteiros de gran formato foron fabricados pola carpintería da entidade Máis Porvir Xestión Social, que traballa pola inclusión de persoas con discapacidade.
  • A selección de especies florais e a asesoría vexetal correu a cargo de Cel Ogando Flores Artesanais, experta en floricultura ecolóxica, quen tamén conduciu un obradoiro de kokedamas coa veciñanza.
  • A arte recuperou a paisaxe e a memoria a través do mural “Cantareiras” realizado por Joseba MP.

A intervención culminou cunha xornada de voluntariado, onde se realizaron plantacións colectivas, se colocaron os maceteiros cerámicos e se sementaron pradeiras floridas, orientadas a mellorar a biodiversidade e crear espazos para polinizadores.

Fase 3 | Colleita: avaliación, recoñecemento e futuro compartido
Ao final do verán colleitáronse os resultados do proxecto cun encontro veciñal no que se avaliaron os cambios impulsados ao longo das distintas etapas. A actividade consistiu nun roteiro pola aldea para observar a evolución das intervencións e acordar accións que garantan o seu mantemento e posible extensión a outras zonas. Contamos coa presenza da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, que participou no acto de entrega de galardóns ás persoas participantes, en recoñecemento ao seu compromiso e implicación para camiñar cara a unha paisaxe máis viva, coidada e compartida.

***

Xornada especial | San Xoán: Herbario do Cacho
Paralelamente ao desenvolvemento das fases principais, celebrouse unha xornada especial na noite de San Xoán, na que a veciñanza reviviu o ritual tradicional da recolla de herbas para a elaboración do cacho. A actividade inspirouse no poema É noite de San Xoán de Eduardo Pondal, onde se mencionan moitas das especies empregadas nesta noite máxica e, guiados polas persoas maiores da aldea, identificamos e recollemos as herbas máis representativas do Couto nesta tradición. Froito dese traballo, elaborouse un herbario artístico e divulgativo que recolle o patrimonio botánico e simbólico desta práctica ancestral, e contribúe á súa transmisión ás novas xeracións.

O Couto Florido viaxa a Tesalónica
Como recoñecemento ao seu enfoque innovador, "O Couto Florido" presentouse en setembro de 2025 en Tesalónica (Grecia), no marco do proxecto europeo PICOBELLO, nunha xornada dedicada ao intercambio de boas prácticas aliñadas coa Nova Bauhaus Europea. O proxecto do Couto queda así recollido como exemplo de intervención replicable que integra arte e biodiversidade, participación comunitaria e identidade cultural.

__

O Couto Florido demostra que é posible impulsar a mellora da paisaxe rural desde dentro, partindo dos recursos locais, da implicación veciñal e do coidado polo territorio. A súa metodoloxía, sinxela e adaptable, abre camiño para a replicabilidade noutras aldeas de Galicia e noutros contextos europeos que busquen revitalizar os seus espazos rurais con criterios de beleza, sostibilidade e comunidade.

Novas relacionadas