Castelo de Santa Cruz, Oleiros, 24 de marzo de 2008.- A Fundación Juana de Vega e o Grupo de Acción Local Terra das Mariñas presentaron hoxe no Castelo de Santa Cruz de Oleiros, sede do CEIDA – Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia - o libro Xardíns das Mariñas, do que é autor Jesús A. Sánchez, e no que se recollen en imaxes e en textos os xardíns dos pazos, palacetes e quintas máis senlleiros da comarca das Mariñas.
A publicación fai un percorrido pola orixe destes espazos ornamentais que desde finais do XVIII adquiren unha personalidade propia coa aparición dos xardíns artísticos, que buscaban crear espazos exclusivamente orientados para o repouso e o deleite dos sentidos.
Desde o xardín do Pazo de Mariñán, no concello de Bergondo, á beira da ría de Betanzos, pasando polo de San Carlos na Coruña, o das Torres de Meirás en Sada, o do Pazo de Anzobre en Cambre, o da Casa de Xaz e o do Chalé Rialeda, tamén en Oleiros, ata chegar ao Parque do Pasatempo en Betanzos, vai descubrindo o lector unha época de esplendor destes espazos de recreo.
200 anos de historia
Son ao redor de douscentos anos dos que son testemuñas ás árbores exóticas que daquela chegaban de todos os puntos do mundo para converterse en monumentos vivos que sobreviviron en moitos casos á decadencia das grandes casas da comarca das Mariñas.
O libro con preto de duascentas fotografías a color ao longo de 168 páxinas descúbrennos centos de pequenos detalles da historia particular de cada un destes xardíns mariñáns. Como a do Xardín de Mariñán que a partir de 1822 o seu propietario, o senador Apolinar Súarez de Deza, para celebrar o seu casamento decide completar o xardín de parterres cun novo espazo máis achegado á corrente do paisaxismo romántico da época.
Anzobre e Picadillo
Así, o xardín do pazo de Anzobre, en Arteixo, de seguro que serviu para baixar a fartura dalgunha das enchentes coas que o seu propietario, Manuel María Parga e Puga Picadillo, agasallaba os seus convidados. A pegada do prestixioso paisaxista francés Éduard André quedou impresa no xardín da Villa Marchesi, en Montrove, no concello de Oleiros.
Conta Jesús A. Sánchez no seu libro que o paisaxista francés nunca chegou a desprazarse ata Oleiros para acometer o encargo de Villa Marchesi, senón que optou por enviar a Mr. J. Bousques, quen levantou os planos da finca para logo traballar en París o trazado definitivo.
Ás árbores
Ás árbores son sen dúbida as especies vexetais que máis definen estes espazos, pola súa lonxevidade, polo seu porte e pola súa compoñente exótica. Así, os 31 metros de altura e 9,25 metros de circunferencia da sequoia xigante ou welligtonia -Sequoiedendron giganteum- do Pazo do Casal, en Bergondo, fan dela a árbore máis maxestuosa das Mariñas.
En Abegondo a masa arbórea do xardín do Pazo de Figueroa plantada a comezos do século XX, ademais de carballos e castiñeiros, conta con varias araucarias de gran porte, dúas sequoias vermellas- as árbores máis altas do planeta- cedros, criptomerias, cipreses e mesmo un liquidámbar, unha das caducifolias máis fermosas. O piñeiro insigne ou de Monterrey, segundo Dacal e Izco, máis grande e monumental de Galicia, con 20 metros de altura, unha antigüidade centenaria e fermoso formato e frondosidade, crece na parte dianteira do Castelo de Santa Cruz.
E é no Castelo de Santa Cruz onde hoxe ás 12.00 horas o presidente do Grupo de Acción Local Terra das Mariñas e alcalde de Abegondo, Juan José Rocha, presentou un libro que segundo as súas palabras “é unha obra coidada, delicada e feita con coñecementos e cariño, as mesmas calidades e paixóns que puxeron nos seus traballos as persoas que deseñaron e mantiveron vivos os xardíns hitóricos da comarca das Mariñas”.
Rocha sinalou que a Fundación Juana de Vega e mais a Asociación GAL Terra das Mariñas veñen de editar unha obra coral da que é autor Jesús A. Sánchez García, na que ten as fotografías de Per Rueda nas súas páxinas, as responsables da tradución dos textos ao castelán e mais ao inglés foron feitas por A. Carla Blanco Ballón e Rosa María Velasco Púente. A revisión de textos en galego é responsabilidade da Secretaría Xeral de Normalización Lingüística a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Arteixo, do que está encargada María Rozamontes Vázquez.
O Presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, salientou que a colaboración da organización que el preside coa Asociación G.A.L. Terra das Mariñas é un xérmolo do que ten que ser a colaboración entre concellos, e entre estes co sector privado que, en definitiva, é unha pauta de traballo.
O libro Xardín das Mariñas xa fora presentado en Fitur o pasado mes de febreiro e hoxe presentouse en Galicia. Xunto co libro presentouse unha guía de peto que baixo o título Xardíns é unha síntese dos textos e imaxes recollidas en Xardín das Mariñas.
No marco desta presentación, celebrouse a xornada Presente e futuro do turismo na área metropolitana da Coruña, onde se fixo unha análise da estratexia turística desenvolta pola Asociación G.A.L. Terra das Mariñas a través do Programa Proder II (2004-2007) e polo Consorcio de Turismo da Coruña nos últimos anos. Asemade, durante esta xornada expúsoxe as liñas do futuro Plan de Dinamización Turística da comarca da Coruña (2008-2010).