Participamos no debate sobre os modelos urbanísticos da Coruña

Share

Teresa Táboas Veleiro, vicepresidenta da Fundación Juana de Vega e da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) participa mañá venres, 11 de outubro (19:00h) na xornada de debate “Altura de miras”. O encontro terá lugar na Delegación da Coruña do COAG - Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O obxectivo deste foro de debate, enmarcado na Semana da Arquitectura, é comprender os procesos urbanísticos actuais que están operando na cidade da Coruña. Entre eles: a verticalización a través da aposta polas torres, a densificación, a turistificación, a marketinización ou o branding urbano.

Procesos todos que conlevan transformacións dos espazos e da trama urbana, cambios nos modos de vida da poboación e, tamén, nalgúns casos, expulsións de residentes.

Os expertos convidados tamén falarán sobre como confrontar distintos modelos de produción de cidade, e debaterán sobre os mellores modelos urbanos para responder ás necesidades reais da poboación, aos retos ecosociais do presente e á crise climática.