Combinar prácticas e elementos da paisaxe tradicional con ferramentas de análise máis avanzadas para apostar por unha viticultura mellor preparada para o futuro. Con esta formulación, o proxecto europeo ECOSPHEREWINES converteu durante os últimos tres anos as case dez hectáreas da histórica parcela da Picha, en Paderne (A Coruña), nun laboratorio vivo cuxos resultados se presentaron hoxe nun evento [ver programa] celebrado no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña.
Baixo o título “ECOSPHEREWINES: cara a unha viticultura máis verde en Galicia: resultados e retos futuros para o sector vitícola”, os anfitrións foron os socios galegos de ECOSPHEREWINES: a Fundación Juana de Vega, a Universidade da Coruña, a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e o novo propietario da adega Pagos de Brigante, quen xa manifestou a súa intención de dar continuidade ao proxecto. Durante o encontro, ao que asistiron investigadores e profesionais do sector vitivinícola galego, tamén se fixo pública a “Estratexia de infraestrutura verde no viñedo de ECOSPHEREWINES”, un plan de acción con 25 actuacións para 2027-2030, pensado para viticultores, denominacións de orixe e administracións.
Situada no territorio da IXP Betanzos e dentro da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, A Picha é unha das catro zonas experimentais de ECOSPHEREWINES. As outras localízanse na DO Arribes, nos Arribes do Douro (entre Salamanca e Zamora); na AOP Gaillac, na rexión francesa de Occitania; e na DOC Douro | DOC Porto, en Vila Nova de Foz Côa, no norte de Portugal.
En Paderne, fronte ao canón do río Mandeo, en 10 hectáreas de terreo abancalado, ensaiouse desde 2024 unha nova forma de xestionar o viñedo para mostrar como o investimento en capital natural pode contribuír á viabilidade futura do sector vitivinícola.
Para Alfonso Ribas, director da Área de Innovación e Investigación da Fundación Juana de Vega, entidade coordinadora de ECOSPHEREWINES, o principal desafío foi responder a unha preocupación crecente entre os viticultores: cada vez resulta máis difícil manter a produtividade e a estabilidade do viñedo nun contexto de cambio climático e maior presión sobre os recursos.
O solo perde fertilidade, explica, cando diminúe a biodiversidade ou se reduce a capacidade de reter auga, o que fai que o sistema se volva máis vulnerable e dependente de insumos externos. “Non se trata só de conservar, senón de demostrar que é posible aliarnos coa natureza para manter unha produción de calidade, mellorar a estabilidade do ecosistema e, ao mesmo tempo, avanzar cara a modelos vitivinícolas máis equilibrados desde o punto de vista ambiental, económico e social”. “A idea —concreta— foi pasar dun viñedo intensivo a un viñedo en mosaico que combine a produción de viño con outras funcións complementarias, ao tempo que se potencian os servizos ecosistémicos”.
Neste sentido, Vanessa Álvarez, investigadora Ramón y Cajal do CICA, destacou o potencial da economía circular no viñedo: “O aproveitamento de restos de matogueira como acolchado permite protexer o solo e reducir a biomasa combustible que favorece os incendios. Ademais, os ensaios con biochar de orixe forestal mostraron aumentos do carbono orgánico do solo, mentres que as cubertas vexetais contribuíron a mellorar a súa fertilidade, poñendo de manifesto a importancia de adaptar estas prácticas ás condicións locais”.
Laboratorio vivo para o sector vitivinícola do futuro
Durante estes tres anos, o obxectivo de ECOSPHEREWINES foi implementar sobre o terreo diferentes Solucións Baseadas na Natureza (SBN) que poidan potenciar ata 14 servizos ecosistémicos relacionados coa fertilidade e a saúde do solo, a biodiversidade, a retención da auga ou a preservación da identidade cultural das paisaxes vitivinícolas.
As actuacións na Picha organizáronse en tres grandes áreas. A zona 1 centrouse en mellorar a saúde do solo mediante técnicas de manexo máis sostibles. Os primeiros resultados mostran unha mellora significativa do vigor e do contido de clorofila das vides cos acolchados de toxo e as cubertas vexetais de mostaza. Tamén se validaron técnicas de aplicación de dous tipos de biochar, observándose aos 15 días unha mellora da actividade das encimas relacionadas co ciclo do carbono e do contido de nutrientes do solo.
A segunda zona destinouse á futura recuperación do viñedo tradicional e á preservación da diversidade xenética da IXP Betanzos. Nesta fase, por unha banda, acondicionáronse varios noiros comestibles con árbores autóctonas como forma natural de contención das zonas abancaladas. Por outra, aplicáronse fertilizantes lactofermentados (soros) para mellorar a microbioloxía do solo.
Na terceira zona demóstrase que mellorar un viñedo tamén implica actuar sobre a paisaxe que o rodea. Neste caso recuperáronse camiños e muros de pedra seca, restaurouse a fonte da Picha —que dá nome á parcela—, a súa charca e outras zonas húmidas que poden favorecer a biodiversidade local. A actuación completouse coa rexeneración do bosque de ribeira para contribuír á regulación climática e coa plantación dun bosque comestible de froiteiras e bandas florais para favorecer a presenza de polinizadores.
Esta área funciona, ademais, como unha zona de transición entre o viñedo e a contorna natural, adaptada aos valores paisaxísticos do territorio para transmitir a filosofía do proxecto aos futuros visitantes e abrir camiño a un enoturismo comprometido coa conservación da natureza.
Recuperar o pasado para construír o futuro
Este conxunto de actuacións na zona experimental de ECOSPHEREWINES en Galicia contribuíu a recuperar a infraestrutura verde arredor do viñedo. Trátase dunha rede de elementos naturais e seminaturais capaces de proporcionar beneficios tan necesarios como conservar o solo, previr a erosión, regular a auga, captar carbono, favorecer a biodiversidade ou preservar a identidade cultural do territorio.
O seguinte reto é transferir o coñecemento xerado para facilitar a súa aplicación por parte de viticultores, adegas e outros territorios vitivinícolas. Xa durante a primavera de 2026, o equipo técnico da Fundación Juana de Vega presentou a “Estratexia de infraestrutura verde no viñedo de ECOSPHEREWINES” e os primeiros resultados da investigación á DOP Montilla-Moriles (sur de Córdoba), á DOP Penedès (entre Barcelona e Tarragona) e á DO Valdeorras (Ourense), que mostraron interese en estudar a aplicación das solucións validadas por ECOSPHEREWINES.
Máis alá de cada actuación concreta, A Picha permite visualizar unha das principais conclusións do proxecto: produción e conservación non son obxectivos contrapostos. Recuperar variedades locais, mellorar a saúde do solo e conservar muros, zonas húmidas, bosques de ribeira e outros elementos da paisaxe pode contribuír a construír viñedos máis sostibles e resilientes, ao tempo que se reforza a identidade dos territorios e o valor diferencial dos seus viños.
Os resultados obtidos poden servir, ademais, como punto de partida para novas iniciativas empresariais na IXP Betanzos, como o novo proxecto para a adega Pagos de Brigante, mostrando as posibilidades económicas, ambientais e culturais dun modelo máis consciente e sostible para construír o futuro da viticultura atlántica.
A nivel institucional, a Fundación Juana de Vega presentou un novo proxecto de innovación a unha convocatoria do programa Interreg Sudoe para dar continuidade aos resultados acadados en ECOSPHEREWINES.
