
O Foro Territorio Rural Resiliente (FTRR) celebrou o 28 de maio o seu gran evento de balance e propostas na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Esta iniciativa independente promovida desde a sociedade civil situou no centro do debate político e social o nacemento da 'Alianza para un Territorio Rural Resiliente', un fito clave para redefinir o modelo territorial de Galicia.
O movemento está promovido pola Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC, coa colaboración da Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e as máis de 120 entidades que contribuíron activamente ao proceso participativo aberto desde marzo deste mesmo ano.
“O futuro de Galicia vai depender en gran medida do futuro do seu rural. A perda de actividade agraria, o abandono de terras, a falta de xestión activa e a acumulación de biomasa obrígannos a pasar á acción. Nun contexto de cambio climático, non podemos pensar que a resposta aos incendios pase só por ampliar indefinidamente os medios de extinción: ten que comezar moito antes, cun territorio vivo, ordenado, xestionado e produtivo. Investir na recuperación e mobilización de terras, na actividade agraria e forestal e na xestión activa do territorio é investir na seguridade, na resiliencia e no futuro de Galicia”, sinalou José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega.
Pola súa banda, Inés Santé, profesora e investigadora do LaboraTe da USC, engadiu que “o Foro representa unha oportunidade para implicar ao conxunto da sociedade galega no deseño do futuro que queremos para o territorio rural, que só será posible mediante unha ordenación do territorio que combine coñecemento técnico, participación cidadá e cooperación entre administracións, sectores produtivos e comunidades locais. A ordenación do territorio é a base para dar resposta aos conflitos e as necesidades dos usos agroforestais en Galicia e construír un consenso sobre o territorio”.
Unha estratexia compartida, un guión operativo, para o nacemento da Alianza
O obxectivo é abrir a adhesión formal a esta rede aberta e inclusiva de colaboración, que aspira a sumar as capacidades de persoas, entidades, profesionais, administracións, organizacións territoriais, centros de coñecemento e iniciativas privadas. A Alianza recolle o traballo desenvolto por seis mesas especializadas estruturadas en liñas estratéxicas que van desde a ordenación integrada de usos agroforestais ata a remuda xeracional, o acceso á vivenda ou a mellora do relato mediático do rural.
Esta folla de ruta non se concibe como un simple informe académico, senón como un guión operativo coordinado e un chamamento directo á corresponsabilidade e acción compartida da cidadanía na xestión activa do medio.
Inauguración institucional
O Foro comezou ás 10:00 horas cunha apertura oficial marcada pola urxencia de cooperar para superar o abandono e mellorar a seguridade colectiva ante o cambio climático, na que Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, agradeceu a participación e traballo das entidades promotoras e insistiu en que “a resilencia do noso rural é tarefa de toda a sociedade galega”.
Pola súa banda, Rosa Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago de Compostela, enfatizou o papel da universidade e a investigación ao sinalar que o LaboraTe é un reflexo do papel da universidade pública ao tempo que insistiu no acerto dunha iniciativa como o Foro ao asumir que os retos do rural non poden analizarse desde unha única perspectiva, senón desde unha reflexión compartida para construír o futuro.
A forza do consenso: sociedade civil e representatividade política
A ampla participación no Foro reflicte que o futuro do rural é unha urxencia compartida. Con máis de 230 persoas inscritas, o aforo do recinto completouse integramente, deixando a numerosas persoas en lista de agrada. Ademais, este encontro destaca pola súa transversalidade e representatividade institucional, logrando o fito de contar coa presenza de representantes dos tres grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, o que referenda a vontade de acadar un pacto estrutural máis alá dos cambios políticos.
Vocación de continuidade e plan de acción inmediato
O FTRR nace cunha firme vocación de futuro e permanencia. Os promotores subliñan que o proceso non remata con este evento, senón que a cita constitúe o punto de partida para institucionalizar un marco estable de debate e de análise e impulso das políticas territoriais das políticas territoriais.
De feito, como primeira expresión práctica deste compromiso, durante a xornada concretouse un plan de acción inicial composto por actuacións realistas e aplicables a curto e medio prazo. As persoas e entidades asinantes integraranse de inmediato en grupos de acción específicos para asegurar que as bases teóricas se transformen en proxectos piloto, mediación comunitaria e cambios normativos con incidencia real sobre o territorio.
Programa da xornada
Tras a inauguración oficial e as intervencións de José Manuel Andrade (director da Fundación Juana de Vega) debullando os obxectivos xerais, e de Rocío Huerta (Goberno de Asturias) explicando o Pacto polo Medio Rural asturiano, o Foro avanzou segundo os seguintes bloques:
- BLOQUE 1: Xestión activa do territorio, persoas e actividades económicas: Resultados por Quico Ónega (LaboraTe) e Vanessa Loureiro (Fundación Roberto Rivas). Casos inspiradores: Ramats de foc (Víctor Riera, Fundación Pau Costa), Movegandex (Ovidio Queiruga), iniciativa Aterra (Eva González, GDR Limia-Arnoia) e Fundación TerrEo (Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín).
- BLOQUE 2: Ordenación e gobernanza do territorio: Resultados por Inés Santé (LaboraTe) e Manuel Rodríguez (Fundación RIA). Casos inspiradores: Concentración parcelaria de Fisteus (Javier Caínzos, alcalde de Curtis) e o papel local (Patricia Lamela, alcaldesa de Larouco).
- BLOQUE 3: Comunicación: unha nova forma de ver e de falar do rural: Resultados por Belén Regueira e Ángela Casal (Colexio de Xornalistas). Coloquio con Manuel Cruz (TVG), Alejandro Gómez (Campo Galego), María Cedrón (La Voz de Galicia) e Ignacio Márquez (Rural Hackers).
Despois dunha dinámica participativa, “Da proposta á acción”, para a identificación de prioridades e alianzas de futuro, a xornada rematou coa clausura oficial a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e a presentación de conclusións e a folla de ruta da Alianza por José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, e Inés Santé, profesora titular e investigadora do LaboraTe-USC, que convidaron aos asistentes, así como a calquera persoa e entidade preocupada polo presente e futuro do rural de Galicia a sumarse á “Alianza para un Territorio Rural Resiliente”.
As persoas interesadas en adherirse poden facelo a través do formulario habilitado na web deste movemento: https://foroterritoriorural.gal/alianza/
