Entrevistamos a beneficiarios do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega para saber que lles achegou a súa participación, por que o recomendan e en que fase se atopa agora o seu proxecto. Nesta ocasión, falamos con Matilde e Natalia Mondelo sobre a súa iniciativa Casa do Aceite, un proxecto vinculado á empresa Aceiroga que busca poñer en valor a cultura oleícola de Quiroga a través dunha proposta integral de turismo rural.

Para comezar, explicádenos en que consiste o voso proxecto.
O noso proxecto nace coa vontade de poñer en valor a tradición oleícola de Quiroga e convertela nunha experiencia ligada ao rural. Levamos anos traballando na recuperación e produción de aceite de oliva virxe extra a partir das nosas variedades autóctonas, principalmente Mansa e Brava, e queremos dar un paso máis creando un proxecto integral de oleoturismo.
A iniciativa combina a produción de AOVE coa divulgación da cultura do aceite, a gastronomía e o turismo rural de calidade. O proxecto contempla un espazo de interpretación dedicado á historia e á tradición do aceite de Quiroga incluíndo a rehabilitación dun muiño romano, actividades e experiencias arredor do oliveiral e do AOVE, como catas, maridaxes, showcooking, tamén un lugar para eventos, como vodas, reunións de empresas, retiros de ioga, etc., e unha proposta de aloxamento integrada na paisaxe.
Queremos que quen nos visite non veña simplemente coñecer un produto, senón descubrir a súa orixe: as oliveiras, as variedades autóctonas, as persoas, a historia e unha paisaxe excepcional como son a Ribeira Sacra e o Xeoparque Montañas do Courel.
Participastes na XIII edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, na modalidade de Emprendemento. Que vos achegou o programa?
O Programa axudounos, sobre todo, a transformar unha idea na que levabamos tempo traballando nun proxecto empresarial moito máis estruturado.
Permitiunos analizar con maior profundidade o modelo de negocio, definir a proposta de valor, identificar os nosos clientes potenciais e traballar aspectos fundamentais como a viabilidade económica, a comercialización, o posicionamento e a comunicación.
Pero tamén nos achegou algo moi importante: unha visión externa e profesional. Cando estás moi involucrado nun proxecto é fácil centrarse na idea e no produto. O programa anímate a facerte preguntas, contrastar decisións e analizar o proxecto desde o punto de vista empresarial e do cliente.
Cales son os aspectos que máis valorades do programa?
Valoramos especialmente o carácter práctico do programa e a combinación entre formación e asesoramento personalizado.
Non se trata só de recibir formación, senón de aplicar todo o aprendido directamente ao teu propio proxecto. O acompañamento dos profesionais e titores permíteche detectar fortalezas e debilidades, cuestionar determinadas decisións e avanzar cunha visión moito máis clara.
Tamén foi moi enriquecedor compartir o programa con outros emprendedores do sector agroalimentario e rural. Coñecer outros proxectos, intercambiar experiencias e comprobar que moitos dos retos son comúns, tamén xerar unha rede de contactos e aprendizaxe que continúa máis alá do propio programa.
Ademais, conseguistes un accésit grazas ao que estades recibindo 15 horas de asesoramento adicionais para desenvolver o voso proxecto. Como estades aproveitando este premio?
Para nós o accésit foi, ademais dun recoñecemento que nos fixo moita ilusión, unha oportunidade para continuar profundando en aspectos clave do proxecto, e tamén un orgullo para o noso pai, que non soltaba o premio.
Estamos aproveitando estas horas adicionais de asesoramento para traballar sobre decisións moi concretas da seguinte fase: afinar o modelo económico e financeiro e analizar a rendibilidade das distintas liñas de negocio. Tamén estamos traballando na imaxe de marca, na páxina web, e integrando todo o novo proxecto con Aceiroga, a nosa empresa de elaboración de AOVE.
Neste momento, no que estamos pasando da planificación á execución, contar cunha visión externa especializada axúdanos especialmente a priorizar investimentos e tomar decisións cunha base máis sólida.
Por que recomendades o Programa?
Recomendariamos o Programa a calquera persoa que teña unha idea ou un proxecto vinculado ao sector agroalimentario ou ao medio rural e queira convertelo nunha empresa viable e con futuro.
O seu principal valor é que che axuda a ordenar as ideas, cuestionar o que sexa necesario e construír un modelo de negocio máis sólido. Ademais, permite acceder a profesionais especializados e a unha metodoloxía moi orientada á realidade empresarial.
E hai outro aspecto que para nós é especialmente importante: o programa entende que no medio rural existen oportunidades empresariais de enorme valor cando somos capaces de combinar tradición e innovación.
En que momento se atopa o voso proxecto? Cales son os próximos pasos que tedes previstos?
Atopámonos nun momento moi ilusionante, porque o proxecto está entrando nunha fase cada vez máis próxima á súa materialización. Nestes momentos estamos cerrando cos arquitectos o proxecto de execución, a licencia co Concello, os presupostos coas construtoras e co resto de provedores.
A parte máis difícil foi conseguir as parcelas, que eran moitas e moi pequenas, ata chegar a xuntar uns 7.000m². Como en toda Galicia, os minifundios non están inscritos no rexistro da propiedade e chegar a ese punto foi longo e complexo, pero os veciños e propietarios axudaron a levalo a cabo e estamos moi agradecidos.
Os próximos pasos son cerrar o financiamento para poder empezar a construción o antes posible.
O noso obxectivo final é crear en Quiroga un proxecto de referencia arredor da cultura do aceite, capaz de atraer visitantes, xerar actividade económica e contribuír á conservación dun patrimonio agrícola e cultural único.
Queremos demostrar que detrás dunha pequena botella de aceite pode haber algo moito máis grande: unha paisaxe, unha historia, unha forma de vida e unha oportunidade de futuro para o medio rural.
