A Fundación Juana de Vega traslada ao Parlamento de Galicia dez propostas para mellorar a rendibilidade e a competitividade do sector lácteo

Share

José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, compareceu o martes 10 de novembro ante a Comisión non permanente de estudo sobre o prezo do leite do Parlamento de Galicia para presentar unha análise da situación do sector lácteo galego, dos factores que condicionan os prezos que perciben as ganderías e das dificultades para aplicar a normativa de contratación alimentaria.

Durante a súa intervención, destacou os seguintes puntos:

  • O sector lácteo é estratéxico para a economía e o medio rural de Galicia. O conxunto da actividade gandeira e industrial achega o 1,6 % do PIB galego e constitúe un sector cun alto grao de profesionalización e tecnificación. Galicia sitúase entre as dez principais rexións produtoras de leite da Unión Europea, o que pon de manifesto a súa capacidade produtiva e a súa relevancia no contexto europeo.
  • Galicia produce o 42 % do leite de España, pero segue a rexistrar un dos prezos máis baixos pagados aos produtores. En agosto de 2026, a diferenza con respecto ao resto de España chegou aos 3,7 céntimos por litro, o que supuxo 9,9 millóns de euros menos para as ganderías galegas nun só mes. Cunha diferenza media de arredor de 3 céntimos por litro e cos niveis actuais de produción, as ganderías deixan de ingresar máis de 90 millóns de euros ao ano, que tampouco se incorporan á economía rural galega.
  • Os prezos en orixe sitúanse por debaixo dos custos de produción estimados. En setembro de 2026, o prezo medio do leite foi de 45,50 céntimos por litro, fronte a uns custos estimados para 2026 de 47,4 céntimos por litro. Con todo, o prezo medio ponderado no que vai de ano sitúase en 47,90 céntimos por litro, o que reflicte unha situación de case equilibrio.
  • A contratación láctea presenta importantes debilidades. O 80 % dos produtores galegos mantén contratos individuais e predominan os acordos de curta duración, con escaso uso de mecanismos de indexación dos prezos.
  • Galicia precisa xerar máis valor engadido. Na actualidade, transfórmase na comunidade o 61,5 % do leite producido. Ao mesmo tempo, España presenta un déficit comercial de produtos lácteos importante e crecente, que acadou os 2,91 millóns de toneladas equivalentes de leite en 2025. As importacións de queixo representan o 61 % do total, o que pon de manifesto as oportunidades que ofrece o mercado español para impulsar a elaboración de produtos lácteos de maior valor engadido en Galicia.

 

A Fundación Juana de Vega trasladou tamén 10 propostas de actuación centradas en mellorar a transparencia e o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, establecer referencias obxectivas dos custos de produción, favorecer contratos máis estables, reforzar a capacidade negociadora das ganderías e impulsar a transformación industrial e a diferenciación dos produtos lácteos galegos.

A intervención puxo de manifesto a necesidade de abordar os problemas do sector desde unha perspectiva integral que teña en conta tanto a rendibilidade das explotacións como o funcionamento de toda a cadea de valor. O obxectivo é garantir un sector lácteo galego competitivo, con explotacións viables, unha industria capaz de xerar máis valor engadido e unha distribución máis equilibrada dese valor.

En próximas semanas, o informe no que se baseou esta intervención estará subido na sección Publicacións desta web.